Instrucións para converterse en fascista, de Michela Murgia

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Instrucións para converterse en fascista, de Michela Murgia

Instrucións para converterse en fascista, de Michela Murgia

CUB_Fascista_webMichela Murgia

Instrucións para converterse en fascista (tradución de Moisés Barcia)

Rinoceronte, Cangas, 102 páxinas, 15 €, 2019.

 

Pouco sabía de Michela Murgia, alén de que se contaba entre os seus libros Acabadora, publicado en lingua galega por Rinoceronte, pero que non puiden, aínda, ler. O certo é que esta escritora de Sardeña gañou, por este Instrucións para converterse en fascista, todas as miñas simpatías. Cómpre ser afouta, nestes días que vivimos, para escribir un ensaio, de intención didáctica, sobre o fascismo e realizalo, ademais, desde unha perspectiva intelixente como é a de adoptar unha orientación -feliz e operativa estratrexia para provocar e escaldar o pensamento fascista- que pon enriba da mesa todas as dinámicas, ou cando menos boa parte delas- que o fascismo, nas democracias occidentais, abraza.

É este un libro preciso que ben deberían coñecer persoas adultas e outras que non o son aínda. De feito un capítulo, contra o final do ensaio, apunta a que abondan dúas xeracións ás que, por diversas causas, non se lles fale de memoria, de anti-fascismo ou da historia máis recente para que,  aos poucos, esa historia comece a reescribirse perigosamente de xeito que se patentiza un activo transvase ideolóxico cara a ese lado escuro, sobre todo entre as persoas máis novas, que tantas e tan tráxicas consecuencias carrexa ou pode carrexar.

Michela Murgia aborda tantas cuestións de interese neste libro que resultaría un spoiler recollelas na súa totalidade. De xeito esquemático quixera tan só chamar a atención sobre tres aspectos que explican, como non, o vagaroso -ou non- crecemento do fascismo entre nós. O primeiro elemento atinxe ás “instrucións” que afectan á linguaxe porque é “a infraestrutura cultural máis manipulable que posuímos”. Sen dúbida este é un elemento clave porque nun tempo como actual “quen controla as palabras controla os comportamentos” e velaí o abandono de termos que doadamente vinculamos co fascismo e a substitución por outros -esa retórica tan familiar- que se escoa nos medios de maneira case imperceptible e que se encerra en mensaxes aparentemente banais, mesmo en ocasións grotescas, pero sempre moi efectivas.

En segundo lugar explica concienciudamente o feito “de que sempre estivemos aquí, de que nunca nos fomos e de que levamos anos reorganizándonos” de cara á construción do “inimigo”, isto é, un caixón de xastre en que entran inmigrantes, musulmáns,  feminismo, anarquismo ou todo o que estea fóra do heteropatriarcado: acontecementos moi recentes vividos entre nós que non debemos subestimar, como os de Cuelgamuros ou os acontecidos no Ateneo de Madrid , confirman e serven para explicar o que a autora denomina como a “lexitimación da violencia”.

Por último, entre outras referencias, repara Murgia na relevancia do concepto da “sedución” e do “populismo” como ferramentas para acadar o obxectivo de que o fascismo se instale, manipulando e empregando as ferramentas da democracia, entre nós.

Engade, ironicamente ou talvez non, un capítulo final titulado “fascistómetro” consistente en sesenta e cinco preguntas que cómpre responder para confirmar como o fascismo “ten a fantástica capacidade, se non vixiamos constantemente, de contaminalo todo”, ata para quen cre estar a anos luz do que ese pensamento significa. Asistimos impávidos a un proceso crecente que persegue branquear o fascismo e este libro é moi operativo para inocular unha necesaria reflexión sobre a importancia que teñen eses pequenos -ou grandes- xestos que acotío se filtran na nosa vida cotiá con pasmosa normalidade.

Source: Caderno da crítica

2019-11-01T17:54:37+00:00 01 / 11 / 2019|Caderno da crítica|