Illas a sotavento, de Henrique Dacosta

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Illas a sotavento, de Henrique Dacosta

Illas a sotavento, de Henrique Dacosta

Illas a SotaventoHenrique Dacosta

Illas a sotavento

Xerais, Vigo, 144 páxinas, 17,30 €, 2019

 

Galardoada na última edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta -concurso literario organizado polo Concello do Grove que honra con perseveranza e brillantez, desde hai vinte e cinco anos, a memoria do escritor meco- Illas a sotavento, de Henrique Dacosta, supón ao meu ver unha homenaxe ou, se se quere, un tributo que actualiza o xénero da narrativa de aventuras máis clásica e tradicional, cun pouso herdado, por un lado, de modelos como os que ofrece A illa do tesouro, de Robert L. Stevenson no que de reflexións morais e certo ton crítico encerra -alén de pegadas diversas que se pode rastrexar en toda a novela- e, por outro, da vontade implícita de recuperar, e proxectar para o presente, a memoria do acontecido da man dun grupo de amigos, abeirándose así ás novelas de autoformación ou aprendizaxe respecto das que deixa ver algunhas conexións con pezas clásicas do xénero como pode ser a que establece, por só citar unha, con esa alegación de corte pacifista que é A guerra dos botóns, de Louis Pergaud, hai pouco traducida con excelencia ao galego.

Aínda así, e malia que o protagonismo do argumento repousa nun rodopío de aventuras encarnadas nun grupo de amigos novos, a estratexia narrativa opta por inserir un prólogo e un epílogo que, dalgunha maneira, saen fóra dese ton aludido que goberna estas páxinas. Dun ou doutro xeito, Illas a sotavento, alén das posibles filiacións, posúe o mérito de concederlle unha atención salientable a eses espazos que van do Prioiro ás illas Gabeiras ou Herbosa, pasando por toda Ferrolterra en xeral, non moi transitados nas nosas letras e onde a presenza entretecida da aventura vital coa que percorre os mares ferroláns gaña peso conforme avanzamos na súa lectura, trazo por certo común na obra dun autor que exhibe, desde aquel Mar para todo o sempre, publicado hai máis de vinte e cinco anos, unha progresión máis que apreciable da que moito nos alegramos.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de novembro de 2019.

 

Source: Caderno da crítica

2019-11-30T08:24:53+00:00 30 / 11 / 2019|Caderno da crítica|