Idéal Standard

Idéal Standard

A protagonista de Idéal Standard (Dargaud, 2017) é Claire, unha muller intelixente e sensible de trinta e pico anos, enfermeira de neonatos de profesión, que busca parella. Insistentemente. Cando inicia unha nova relación, Claire percorre ese camiño (coñecido) que comeza onde todo semella perfecto, continúa cando se obtén unha visión máis realista do outro e remata nunha encrucillada cando xorden as friccións. Que facer? Conformarse e seguir? Non facelo, romper e volver empezar? Nese instante Aude Picault (1979) sitúa unha escena aparentemente intranscendente na que un mendigo esbardalla contra a xente que sae pola boca do metro, incluída a protagonista: “menos mal que non fun á escola porque miro para vós e vexo un rabaño de ovellas!”. Quero entender ese lance non como a epifanía que leva a Claire a tomar unha decisión senón como un xuízo descarnado a todo dios, aos protagonistas e tamén a nós, lectores. Porque todos cremos ser autónomos e donos das nosas vidas, todos cremos ter criterio para marcarnos os nosos obxectivos vitais e tomarmos as nosas propias decisións. Pero quen mellor que alguén que está fóra do grupo (porque o expulsamos) para retratarnos coma individuos idénticos, troquelados pola presión social, enguedellados nos nosos problemiñas, todos iguais? O tempo foi adozando o debuxo de Picault, limpando as súas páxinas, facendo os seus trazos cada vez máis dondos e definidos. Ler este Idéal Standard é comprobar ata onde se pode depurar o debuxo sen perder a capacidade para transmitir unha grande cantidade de matices. O principal acerto da autora é crear primeiro ese contorno seguro e reconfortante, e despois ceibar nel un señor que nos manda a todos á merda.

Source: Un ollo de vidro

2020-03-25T07:29:00+00:00 25 / 03 / 2020|Un ollo de vidro|