Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez

Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez

Diego Giráldez

Hotel para coleccionistas discretos

Galaxia, Vigo, 116 páxinas, 13 €, 2019

 

Hai tres anos Diego Giráldez publicou Galería de saldos: un conxunto de relatos que gozou dunha recepción moi positiva en todos os ámbitos. Arestora dá a coñecer a súa primeira novela –Hotel para coleccionistas discretosque, desde o seu título, abraza tres referencias expresas que nos sitúan no seu nó argumental: un espacialmente impreciso Hotel Continente que acolle un congreso de coleccionistas moi particulares cuxo trazo común é o do coleccionismo antolladizo, sen esquecer o elemento da discreción como trazo condutivo en cada un deles, malia que a verdeiro nexo de unión que amosan sexa o da desaprehensiva e impúdica exhibición do poder.

Giráldez segue a cultivar, ao meu ver, propostas que se afastan do canónico e do convencional. Esta novela, que só en aparencia pode semellar un delirio  pois o humor e a ironía que a dominan activan os elementos distanciadores e críticos coas situacións e personaxes que a poboan, deseña unha visión esperpéntica e raiana co grotesco de xinea valle-inclaniana, á que engade un ritmo vertixinoso ao envolvernos nunha coralidade patente de voces diversas e individualizadas nas dúas primeiras partes da novela, en moitas ocasións á procura dun recorrente e efectivo contraste, e un narrador omnisciente que nos guía con pulso firme ata a conclusión.

A instancia autorial talvez vai máis alá do que se atopa na superficie para adentrarnos tanto nos difusos límites do poder como no grao de submisión que nos rodea. Mais a esta, e a outras moitas cuestións, non se ofrece unha resposta contundente, talvez porque na realidade non a haxa. Os máis dos personaxes mergúllanse nas súas sorprendentes e singulares psicopatías, descritas cun natural hálito ridiculizador que os converte en arquetipos válidos que demandan a procura do seu espello nun tempo actual a pouco que nos esforcemos por seguir o xogo de descubrir as diferenzas…, ou as semellanzas!

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 23 de agosto de 2019.

 

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-08-24T08:58:55+00:00 24 / 08 / 2019|Caderno da crítica|