Homenaxe a Evaristo de Sela, Stella Maris González Balbuena e Xosé Abilleira Sanmartín (coords.)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Homenaxe a Evaristo de Sela, Stella Maris González Balbuena e Xosé Abilleira Sanmartín (coords.)

Homenaxe a Evaristo de Sela, Stella Maris González Balbuena e Xosé Abilleira Sanmartín (coords.)

Homenaxe-a-Evaristo-de-Sela1Stella Maris González Balbuena e Xosé Abilleira Sanmartín (coords.)

Homenaxe a Evaristo de Sela

Xerais, Vigo, 184 páxinas, 16,99 €, 2019

Honrar honra” é unha sentenza atribuída a José Martí que sempre se debuxa cando dou con libros coma o que hoxe me ocupa. É ben probable que, na actualidade, moitas persoas descoñezan quen foi Evaristo de Sela. Se se engade que o seu perfil profesional se arraigou co mundo dos estudos helénicos talvez as dúbidas se vaian disipando e isto axude a recoñecer a importancia que tiveron, entre outros, dous traballos que conseguiu dar cabo como foron as traducións da Ilíada e a Odisea á lingua galega: esforzos titánicos que supuxeron, e supoñen, achegas claves ao campo das traducións de obras clásicas universais á nosa lingua. Foi se cadra ese, e non outro, o soño da súa vida, isto é, o de conseguir que nos achegásemos sen mediadores ao  “símbolo de tódalas Ítacas, de tódalas metas, coas que o home na súa vida pode soñar”, como el mesmo afirmaba na nota preliminar á Odisea.

Teño para min que este volume de autoría colectiva, coordinado con eficiencia por Stella Maris González Balbuena e Xosé Abilleira Sanmartín, é unha publicación importante. Éo porque non deixa caer no esquecemento quen foi, tamén, poeta e profesor; porque revela as claves da súa reclusión en cinco distintas prisións franquistas entre 1936 e 1942 e que, malia isto, chegou a ser un gran filólogo que amou o grego. Do seu admirable labor profesional, das dimensións culturais que abrazou e daquelas que situamos no ámbito máis persoal, coma se se tratase dunha cartografía global imprescindible, alén dos coordenadores do volume, escriben un conxunto de voces con propiedade e solvencia como son Alonso Montero, Ana Acuña, Teresa Amado, Carme Blanco, Víctor F. Freixanes, Fernando Lillo, Dolores Losada, Esperanza Mariño, Agapito Valado e Alejandro Valverde. Complétase o libro cun apéndice documental e fotográfico que nos achega aínda máis á figura de Evaristo González Fernández, Evaristo de Sela. Beizón por recordárnola.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 10 de xaneiro de 2020.

 

Source: Caderno da crítica

2020-01-13T19:40:33+00:00 13 / 01 / 2020|Caderno da crítica|