Historia e fabulación. Con habelencioso manexo

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Historia e fabulación. Con habelencioso manexo

Historia e fabulación. Con habelencioso manexo

O Códice esmeralda

Alberte Blanco

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 419 páxinas.

 

O Códice esmeralda é a tardega peza de ficción coa que recunca  Alberte Blanco na narrativa de longo alento. Fixérao con anterioridade en estudos e ensaios relacionados co mundo forestal e en relatos autobiográficos. A novela que arestora publica Edicións Xerais, é unha afouta mersturanza de relato de reconstrución de episodios históricos, tanto de grande proxección como foi a batalla de Rande, como outros máis modestos: a recreación ficcional da vida dos mariñeiros galegos na primeira metade do século XIX; e unha fabulación de intriga e misterio nos primeiros anos do século XX. A estrutura da novela ciméntase  pois en tres historias entrenzadas polo fío condutor dun personaxe, Xan Bieito, que está presente nas tres partes da novela que, no entanto, admiten unha lectura por separado.

Na primeira historia (“A conspiración”), Xacobe, un home asaltado por estraños soños, pregúntase qué  escuros segredos esconderían as augas de Rande, na ría de Vigo. Responde sacando á luz parte dos documentos descubertos na antiga casa familiar de Santiago de Vigo. Trasládase, xa que logo, douscentos anos cara a atrás, nas semanas preliminares ao infausto 23 de outubro de 1702, data da batalla de Rande. O manuscrito que atopara o protagonista rexistra o diario de navegación da frota imperial de Nova España que, escoltada por unha escuadra  francesa, traía para o novo soberano, o primeiro Borbón, os tesouros de América. O diario está escrito polo capitán xeneral español Manuel de Velasco, mais a súa segunda parte é obra do grumete de confianza do xeneral, Xoán Bieito Branco, natural de Teis, que coñece a trastenda da historia que non se corresponde coa versión oficial da batalla de Rande. As anotacións do diario rematan cun sorprendente final. Un estraño enigma que sinala, para quen o saiba interpretar, o lugar onde está agochado o alixo do almirante francés Rousselet. Nesta primeira parte, o autor achéganos unha intelixente amalgama de realidade histórica e ficción, como tal a visita á Illa de San Simón.

A segunda novela (“A ánima da néboa”) desenvólvese en Santo Ardán de Cobres e é unha fabulación bastante rocambolesca que acontece no ano 1836 e, aínda que no final da mesma aparece Xan Bieito, relata unha historia que comeza coas dificultades para poñerlle nome a unha dorna, continúa co noivado de Xan Branco de Vigo e a súa moza Andrea de Santo Ardán, o matrimonio desta con Xosé Portela, o falso falecemento do último, a voda da viúva co que fora o seu único amor, sucesos paranormais, o secuestro de Andrea, a aparición de Portela e a súa esixencia para deixalos libres: que lle entreguen o pergameo que, nun debuxo, sinala onde se atopa o antigo tesouro das Indias.

 

Alberte Blanco

Finalmente na terceira parte (“O tesouro maldito”), Xacobe é o personaxe central, douscentos anos máis tarde, pescuda a localización do tesouro que tiña ademais un valor oculto e maligno. A novela convértese nunha sucesión de acontecementos pouco cribles, unha fervenza de imaxinación na investigación para a solución do enigma, con sesións de hipnose, loxas masónicas, organizacións secretas, dobres xogos, traizóns, desusadas toponimias, tumbas templarias, papeis de ámatl -unha substancia vexetal vivificante dos maias-. Unha reflexión final distópica remata o esforzo acumulativo encomiable de Alberte Blanco, no que saliento o perfecto coñecemento do marco espacial da ría de Vigo, o adecuado emprego da terminoloxía mariñeira, a axilidade nos poucos diálogos, a mesura no emprego de analépses e, de xeito especial, o relato solvente  e verosímil , ateigado ademais de certo dramatismo da batalla naval de Rande, e o habelencioso manexo dos arquetipos da novela de intriga

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo, o día 1 de xuño de 2017)

Source: NOVENOITES

2017-06-02T21:07:05+00:00 02 / 06 / 2017|Novenoites|