Galway (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/10/2000)

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Blog de Xavier Alcalá/Galway (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/10/2000)

Galway (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/10/2000)

De Galway pouca xente entre nós tería oído. É unha cidade do bico por onde Irlanda acaba de precipitarse ao Atlántico na procura da Norteamérica en que se multiplicou como nación de emigrantes.
En Galway viviu alguén moi próximo durante anos saudosos, de caras chamadas. Nunha madrugada aciaga, alá tiven que telefonar para informar de morte tan terrible que ao outro lado da liña houbo un hiato, un silencio, se cadra de incredulidade. Porque a morte da xente nova e activa parece incrible.
Despois Galway foi lugar de anécdota sen importancia, e de importantes contactos técnicos:
Irlanda é praia de desembarco do saber americano na Europa (tanto que agora, seica, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts vai montar delegación alí).
Viaxando para ver como funcionaba o sistema irlandés de centros tecnolóxicos, vinme en Galway de noite, sen muda de roupa, porque nun aeroporto me perderan a maleta. Á mañá seguinte todo foron amabilidades e compras antes de comezarmos as sesións de traballo.
Cidade pequeniña e universitaria, mostróuseme con sol, esplendores de herba e mar, cervexa, linguado e vieiras deliciosas. Fiquei reconciliado para sempre coa promesa de Europa xove que representa.
Ata que de novo “Galway” soa e resoa coma os golpes das ondas contra os cons: pobres pescadores do Arosa, que non deron chegado a refuxio, ¡como morrerían!
Sabendo que eles descansan das súas angueiras fronte a porto de raro nome, vaia para os seus a solidariedade de quen asocia tal nome ao dun ser amado, desaparecido, inesquecible.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/10/2000]

Source: XAVIER ALCALÁ

2017-01-29T22:03:39+00:00 29 / 01 / 2017|Blog de Xavier Alcalá|