Franco na voz de Celso Emilio Ferreiro e Bernardino Graña

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Franco na voz de Celso Emilio Ferreiro e Bernardino Graña

Franco na voz de Celso Emilio Ferreiro e Bernardino Graña

A memoria é fráxil e cómpre cultivala. Afirmo isto con toda a miña convicción porque  día a día xorden actitudes que reivindican os valores (sic) dun ditador como foi Franco: cruel e sanguinario sempre, por moito que adocen a súa dimensión máis doméstica ou familiar nos últimos tempos, mesmo nalgunha película recente moi gabada. Os debuxos da guerra de Castelao, ou as 13 estampas da traizón, de Luís Seoane ilustran as claras algunhas das consecuencias que carrexou para nós o seu acceso ao poder, lembrémolo, a través dun golpe de estado.

Dun ou doutro xeito, teño para min que a súa exhumación nin abre nin pecha nada: é tan só un xesto que probablemente chega tarde. Permítese o traslado dos seus restos a outro lugar para que sigan as pompas ignorando a responsabilidade final que lle corresponde en tantas execucións e de que moitas  persoas descoñezan, aínda, onde repousan os restos dos seus familiares. Con todo, si pode ser unha ocasión acaída para traer aquí dous poemas, de dúas voces relevantes da nosa poesía, que centraron a súa atención na figura de Franco en diversas etapas.

Sin títuloO primeiro é Celso Emilio Ferreiro, que publica un opúsculo a recuperar baixo o título de Al César anano (Ediciones del Diablo, Caracas, probablemente no 1975onde inclúe o poema “Pax franquista”, en castelán. Con todo, o poema xa vira a luz, con outro título, no libro Galicia hoy, coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane (baixo pseudónimos) no selo Ruedo Ibérico (París) no ano 1966, e editado en Buenos Aires. Deixamos aquí as dúas versións do poema que reaccionaba contra a cacaraxada celebración das dúas décadas e media de “paz”:

Vintecinco anos de paz
España, sangue e area:
trinta millós de farrapos
atados a unha cadea.
Todos levan sobre a faz
un carimbo de tristura:
vintecinco anos de paz.
Paz de cuartel, paz de preso,
paz de pobo asoballado,
paz de pau e tente teso.
Paz do conde de Fenosa,
gran cabaleiro da industria
que asulaga a terra nosa.
Paz de osario e cimenterio,
paz de chaira inhabitada,
paz de oprobio e cautiverio.
Paz de mazmorra e censura,
paz de mansos periodistas
lambecús da dictadura.
Paz de roubo financiado,
paz de pulpo monopolio,
paz de fusil apuntado.
Paz de bispo troglodita,
solideo insolidario,
don Oppas hermafrodita.
España, sangue e area:
trinta millós de pantasmas
van pasando en estadea.

Captura de pantalla 2019-10-23 21.27.33 - copia

Captura de pantalla 2019-10-23 21.28.39 - copia

t_1569891031111luzFinalizo o apuntamento con estoutro poema de Bernardino Graña, escrito o 21 de novembro de 1975 tras coñecerse a morte de Franco. A finais de novembro dese mesmo ano publicouse en A Nosa Terra e, segundo me indica Alexandre Ripoll, a composición perdeuse mais recuperouse en 1995 e ese ano publicouse nun mural do IFP de Fene o día 20 de novembro, para incorporarse finalmente no libro Luz de novembro (Espiral Maior, 1997, pp. 13-14). Velaquí o poema, que ben debería ser lido mañá, e explicado, nos centros de ensino, como o de Celso Emilio Ferreiro, e avivecer así a memoria:

LUZ DE NOVEMBRO
(NA MORTE DO XENERAL FRANCO)

E, por fin, xeneral, xa vas fedendo.

E agora que os carunchos, as lombrigas,
os vermes, as bacterias en exércitos
avanzan contra ti baixo da terra
e van furar voraces na fermosa,
rica madeira e guata do teu leito,
nós temos que facernos outros bichos,
nós temos que afiar uns dentes irtos,
potentes, penetrantes, para roerte,
para acabar contigo e cos soldados
na inercia das túas ordes, sen cerebro.
Nós temos que saber erguer os puños
pechados e moi fortes ós fociños
dos ogros axudantes do teu reino.

Non vale que ti mesmo, os teus esbirros,
vos agachedes baixo os crucifixos,
non vale que finxades ser apóstolos
ou santos baixo palio ou pobres vellos.

Sabemos que nos toca o labor duro,
a loita de escachar todo o castelo
montado na traición e na falsía,
e agora, coma a chuvia de Galicia,
cairemos sobre vós pinga tras pinga,
cairemos coma os golpes do martelo
do firme forxador ou do canteiro.
E afastaremos as noxentas bocas
dos teus lobos e cans a recomernos
e temos que facer que estoupe o ventre
que deixas empreñado con xermolos
dos teus horrendos cómplices do infemo.

Vexo a cidade estática, pasmada,
polas molladas rúas amencendo,
falando en grupo a xente, con prudencia,
con pánico avanzando. Hai unha nube
moi grande e moi escura polo ceo.
Os fumes dos tellados soben lentos.
Domina aínda a sombra, pero hai patios,
reductos que alimentan en segredo
unha manda de galos atrevidos
que van cantar a luz, dar peteirazos,
escangallar coas uñas os poleiros
das pitas da inmundicia medoñenta.
E axiña firmemente escacharemos
a longa noite pétrea, todo o medo.

Por fin, ouh desgraciado, vas metido
nun rico cadaleito, es un cadáver
que fede en toda España xa hai ben tempo,
que quixo a todos nós apodrecernos
xa antes de morrer, e irás seguido
de outros coma ti podres por dentro,
podremia con aspecto de persoas,
fantoches xunto a cruces, entre bispos,
hipócrita función, fraude do demo.

Abramos as ventás. Amence un día
que trae o amencer dun novo tempo.
¡Hai aire renovado! ¡Xa respiro!
¡Xa cantan polo albor os galos ledos!

¡Vainos nacer gran luz nesta xornada!
As néboas da nenez, aqueles contos
terribles xa se van esmorecendo.
E vexo, xeneral, as bambolinas,
cortinas, gran telón, todo o teatro
da farsa, da mentira desfacéndose.

Agora contra ti un gran exército
de couzas, vermes, lesmas e bacterias
avanzan invencibles baixo terra,
soben á faraónica pirámide,
ó teu vaidoso túmulo con templo,
ostentación de cruz en sacrilexio,
e invaden de «caudillos victoriosos»
polo aire, polas fendas do sartego,
avanzan implacables na túa caixa,
profundan polo escroto, polo cranio,
papan os torpes miolos, xa devoran
a man coa que firmaches as sentencias,
a man que só quería firmar morte
e ternos entre reixas e tristeiros.

¡Cantemos! ¡Aleluia! ¡Deamos gracias!
¡Morreu o Satanás, o non amigo!
iGran luz pode vir hoxe, neste día,
neste amencer grisallo de Novembro!

Source: Caderno da crítica

2019-10-23T21:04:36+00:00 23 / 10 / 2019|Caderno da crítica|