Flor de Santiago, de Ruth Varela

Flor de Santiago, de Ruth Varela

Ruth Varela

Flor de Santiago

COAG-Flor de Santiago, 256 páxinas, 35 €, Compostela, 2017

 

Non resulta, en absoluto, común atopar unha publicación como esta que nos ocupa: Flor de Santiago é, indubidablemente, un deses grandes libros que pasan por diante de cando en vez  e que entendo como unha verdadeira alfaia para pór o ramo a un ano de libros.

Pasar as súas páxinas convértese nun exercicio de descuberta e abraio continuo que sitúo desde a concepción inicial: pódese realizar unha abordaxe, cun discurso ensaístico divulgativo e solvente, sobre unha flor? Pódese, abofé que si, e ademais rodeándose dunha execución brillante como resulta evidente ao ter o libro nas mans.

Ruth Varela atesoura aquí, e conxecturo sen medo a errar, a maior parte da información que pode ofrecerse hoxe arredor da chamada “flor de Santiago” e faino a través dunha perspectiva integral e exhaustiva na que conflúen con bo tino aspectos históricos, claro é, mais tamén simbólicos, culturais, científicos, antropolóxicos e lingüísticos entre outros, sometendo por un lado o seu discurso a un criterio de axilidade narrativa que resulta de agradecer e, por outro, iluminando a información cun notable corpus de ilustracións que completa visualmente este percorrido ao incorporar máis de cento cincuenta imaxes entre códices mesoamericanos, fotografías ou reproducións cartográficas de diferente orixe.

Flor de Santiago pódese ver, así pois, como un marabilloso libro de viaxes que esculca na memoria e que revela ou redescobre territorios diversos que reconstrúe con acerto, e sinalo tan só como exemplo os perfís dos Xardíns Botánicos Reais de Moctezuma II. Atravesa este libro, daquela, a historia probablemente descoñecida da atzcalxóchitl, así chamada en lingua náhuatl, unha flor sagrada para os aztecas que significaba “de esplendor vermello” pola súa cor e rodeada de simbolismo pola súa forma de cruz. Deste xeito afóndase no valor que lle outorgaban os pobos indíxenas do México antigo e o posterior interese que suscitou en naturalistas como Francisco Hernández ou no médico portugués Simón de Tovar, alén da sorte que correron diversos proxectos botánicos ou a cuestión nominativa que revela un relato cultural onde sobresae a admiración pola cultura e a lingua dos nahuas de onde procede.

Unha flor que chora, en fin, nun proceso biolóxico fecundador, como fecunda é a súa historia agora desvelada con fortuna para proxectarse como símbolo inequívoco dunha ponte cultural entre Galicia e México.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de decembro de 2017.

Arquivado en:Crítica literaria, Ensaio, Historia, Literatura galega Tagged: COAG, Flor de Santiago, Fugas, La Voz de Galicia, Ruth Varela, Santiago de Compostela
Source: Caderno da crítica

2018-01-02T09:31:15+00:00 02 / 01 / 2018|Caderno da crítica|