Fillos do medo, escravos do silencio

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Fillos do medo, escravos do silencio

Fillos do medo, escravos do silencio

Fotog. de Caxigueiro

Fotog. de Caxigueiro

Homenaxe popular a Graciano Paz Amieiro, Siervo González Rivas e Manuel Rodríguez Núñez, no 80 aniversario do seus asasinatos.

Mondoñedo, 13 de xaneiro de 2018


Se non fósemos fillos do medo e escravos do silencio non tardariamos 80 anos en reivindicar a límpida memoria dos tres asasinados na travesía da Rocha de Mondoñedo na mañanciña do 12 de xaneiro de 1938.

As nosas avoas e avós padeceron ese medo en carne viva, moitos e moitas pagárono con fame, con torturas ou coa cadea, algúns coa vida. As nosas nais e os nosos pais criáronse mergullados na asfixia dese medo; no medo a ser, no medo a non comer, no medo a facer, no medo a pensar, no medo a dicir …

Nós, falo xa da miña xeración, somos, consciente ou inconscientemente, fillas e fillos dese medo. Criámonos respirando medo, ignorando a posibilidade doutra opción de vida que non fose esa disciplina tiránica do medo.

Graciano Paz Amieiro, Siervo González Rivas e Manuel Rodríguez Núñez foron detidos o 10 ou o 11 de xaneiro de 1938. Sacáronos á forza do antigo cárcere de Mondoñedo, foron  “paseados” e asasinados na madrugada do mércores, 12 de xaneiro de 1938, por un grupo de lacaios dun odio irracional,  inhumano.

Matáronos e abandonaron os seus corpos para, como facinorosos furtivos, fuxir covardemente ao agocho da conivencia. Antes de alborexar, unha muller que madrugara para rozar mulime, tropeza coa macabra escena; algún aínda xemía, moribundo. Tamén se conta que pouco despois, cando a esposa de Graciano Paz ía camiño do cárcere cunha cazola de caldo para o seu home alguén, que xa sabía o que acontecera, díxolle:

—Dá a volta para a casa; a Graciano xa non lle fai falta!

Ninguén investigou, ningunha autoridade, ningún fiscal nin xuíz actuaron, ningunha denuncia, ningún sospeitoso … O silencio cómplice do medo!

Dise que por aquí non houbo guerra nin tampouco , polo visto, no resto de Galicia. Iso é o que se di! Para quen así o crea propóñolle contemplar, ademais de consultar a xa abondosa bibliografía sobre o tema, as estampas dos álbums de Castelao “Galicia mártir”,  “Atila en Galicia” e “Milicianos”. Máis que da guerra, que tamén, contan do horror da represión, do imperio do odio, da violencia salvaxe.

Este sábado 13 de xaneiro de 2018 reunímonos ás doce do mediodía a carón do vello camposanto de Mondoñedo para espantar eses medos case atávicos. “Un medo que me viña / das raíces do mundo / tremíame no sangue”, di C. Emilio en O soño sulagado.

Alí estaremos acompañando aos familiares dos tres asasinados unha ampla representación da vida social e política de Mondoñedo e da Mariña. E a continuación, na Casa da Xuventude, os historiadores Ramón Ermida e Eliseo Fernández, nun faladoiro aberto, moderado por Fran Bouso, coñeceremos o contexto dunha historia que parece quedarnos moi afastada pero que, en realidade, aínda produce arrepío.

Inaprazable xa esta homenaxe cívica a estas tres vítimas inocentes, como tantas outras, da barbarie porque 80 anos en silencio suman tres xeracións de inxustiza!

Que o medo non nos inmobilice nin nos impida anticiparnos ás devastadoras consecuencias da intolerancia, do racismo e da xenofobia!  Graciano, Manuel e Siervo representan unha lección que deberamos interiorizar xa para sempre; eles non eran fillos do medo senón da verdade, non eran escravos do silencio senón voceiros de liberdade!

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-01-10T11:28:31+00:00 10 / 01 / 2018|Caderno de campo|