Feliz Idade, de Olga Novo

Feliz Idade, de Olga Novo

Olga Novo

Feliz Idade

Faktoría K, Pontevedra, 156 páxinas, 13 €

 

Hai moitos misterios por desvelar neste libro de Olga Novo. Nel circulan algunhas evidencias que apuntan a que Feliz Idade está alimentado por un substrato metafórico que bebe da xeometría, da arte e da música; tamén dun sólido afán libertario, ofrecido por xunto niso damos en chamar poesía, en palabras da autora, entendida como “un acto radical de vida” e percorrida por un vibrante factor emocional.

En efecto, este é un libro marcado pola vida, por unha esencia telúrica profunda e única, tan marabillosamente novoneyriana. Hai un movemento de sístole-diástole que fai latexar a súa cerna impulsada por unha procura incesante do punto de encontro, mais ben un intre, que se dá entre unha neta -Lúa- e un avó que, cos “arados de Heidegger” a arrasaren unha “mente de terra”, realiza un camiño á inversa: inicia unha singradura cara á infancia, cara á aprendizaxe que xa non pode ser, mentres os espectros, familiares ou comunais, poboan os espazos cotiáns e axexan desde a proximidade. Desde aí formúlase unha viaxe iniciática que repara no comezo de todo, na propia concepción, nun big-bang que nos despraza á experiencia da fertilidade, á preñez como “dimensión exacta da poesía”, á fe na continuidade da estirpe.

Novo convídanos aquí a saber ver e a sentir a poesía, algo que facilita porque repara, con efectividade e optimismo, na vivencia da poesía antes de convertela en poema: nese atender ás cousas cotiás, aos acenos, aos signos que se volven pronunciar para que volvan existir. Unha incursión que alumea, queima, inquire ou formula propostas inesquecibles como eses textos antolóxicos titulados “Tríscele” ou  “O poder non pode”.

Hai máis neste libro heteroxéneo cheo de imaxes visionarias como un case nunca lera. Velaí seccións que sosteñen outras modulacións de carácter máis simbólico ou  metafísico na busca e descrición dunha “beleza indómita” ou no amor cósmico que alicerza esta “feliz idade”. Unha alquimia que nos conduce a un fento que se non é de Barnsley, ese da teoría de caos e da xeometría fractal, ben vale que sexa de Vilarmao para vermos con el a harmonía desvelada coa palabra.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 3 de maio de 2019.

 

 

Source: Caderno da crítica

2019-05-03T20:48:40+00:00 03 / 05 / 2019|Caderno da crítica|