Eu tamén navegar

Eu tamén navegar

Nas páxinas culturais de La Voz de Galicia subscribo unha colaboración centrada nalgúns aspectos da obra de Xohana Torres por mor do seu pasamento. Velaquí o texto.

 

 

Eu tamén navegar”, así titulou Xohana Torres o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 2001: un texto emocionante que explicaba unha traxectoria literaria senlleira, a súa, posta ao servizo do seu país.

A Xohana Torres, desde o afastamento da presenza pública nos últimos anos, cómpre procurala nunha produción literaria ampla que deixou fóra poucos xéneros: dramaturga, ensaísta, tradutora, narradora –pioneira na tradución de literatura infantil e xuvenil ao galego e autora de varias pezas deste xénero- e poeta. En todos eles manifestou unha intensa coherencia e unha innegable solidez creativa, aínda que talvez sexa no ámbito da poesía onde a súa voz escintila con máis forza. Nela chantou os esteos dunha corrente innovadora, nalgunha medida rupturista, para proxectarse, desde o seo acolledor da xeración das Festas Minervais, con dúas preocupacións fundamentais: a primeira, deixar constancia dunha ollada ao mundo que agroma desde unha voz de fondas conviccións feministas que soubo abrir un camiño de irmandade e continuidade que se estende ata hoxe en día; a segunda, formular unha visión do Tempo e da Terra que determinan unha poética de revelación e epifanía.  As páxinas de Do sulco (1957), pasando polas de Estacións ao mar (1980), Tempo de ría (1992), a compilación Poesía reunida (2004) ou o recente Elexías a Lola (2016) así o testemuñan.

O seu “eu tamén navegar”, posto en boca de Penélope, pervivirá sempre. Ela ensinounos que “existe a maxia e pode ser de todos” e seguirá cuestionándonos “¿A que tanto novelo e tanta historia?”.

Arquivado en:Literatura galega, Obituario Tagged: La Voz de Galicia, Xohana Torres
Source: Caderno da crítica

2017-09-13T07:16:10+00:00 13 / 09 / 2017|Caderno da crítica|