Entrevista a Iria Collazo

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Entrevista a Iria Collazo

Entrevista a Iria Collazo

titular_Entr_IC

Unha entrevista a Iria Collazo.


Por: Antonio Manuel Fraga


No 2015, Iria Collazo López (Barro, 1981) amosouse ao mundo literario coa novela Coma unha áncora, onde desenvolvía unha dobre historia con gran solidez e eficacia. Só un ano despois,  agasallou a comunidade lectora cunha nova obra, A soidade das medusas, un conxunto de relatos inconexos na tona superficial, mais intimamente ligados nas profundidades.

Mais o importante, talvez, é que a través destas obras se nos revelou unha brillante narradora capaz de crear no lectorado algo fundamental: degoiro por novas historias.

Por todo isto, en Criaturas quixemos falar con ela sobre o seu traballo, o proceso de escrita ou o xeito de entender a literatura. O resultado é esta conversa, que nos axuda a coñecer un pouco mellor unha das voces máis persoais da nova LIX galega.

 

Hai xa uns meses que está en marcha unha segunda edición d’A soidade das medusas (Galaxia, 2016), un libro que –ademais – tivo unha grande acollida entre a crítica. Como estás a vivir estes momentos?

Pois cunha grande alegría e un chisco de incredulidade, unidas á prudencia derivada do feito de que as tiradas no mundo editorial galego non adoitan ser demasiado extensas (aínda). Pese a isto, síntome feliz, orgullosa e agradecida de poder acadar unha segunda edición con este libro e xa unha terceira con Coma unha áncora.

Nesa túa primeira obra, a novela Coma unha áncora (Galaxia, 2015), apoiábaste nunha historia real como punto de partida. Porén, en A soidade das medusas semella que ceibaches completamente a túa imaxinación. Existe unha evolución consciente neste sentido?

É curioso que empregues o adxectivo consciente, porque a escrita estase a converter para min nun xeito de chantar os pés na terra, de observar con máis rigor o que me rodea. É unha maneira de comprender. Na miña vida diaria teño moitas veces a sensación de flotar, de non achegarme o suficiente ás persoas, de quedar na superficie. A escrita axúdame a coñecerme a min e aos demais, e o que é máis importante, a gozar dese proceso.

N’A soidade das medusas as historias son ficticias, pero en Coma unha áncora, no fondo, tamén o eran, porque aínda que a miña primeira novela se basea en dous feitos reais, o certo é que son só iso: a base para un conto onde a fantasía logra darlle a volta a todo.

Advírtese en ambos os dous traballos unha mistura de realismo e fantasía. Consíderalo unha marca do teu proxecto literario?

Non me gusta falar de marcas. Tampouco sei se o que escribo pode ser considerado como un proxecto. Sei que me gusta ler libros onde o fantástico se achega ao cotián, e polo tanto, tamén iso é o que intento escribir. A fantasía forma parte das nosas vidas. Que hai máis incrible que o mero feito de estar vivos? Do que hai na vida de marabilloso e inaudito é do que me gusta falar nos meus libros.

A soidade das medusas son unha serie de relatos que se poden gozar de xeito independente, mais que presentan conexións submarinas entre as súas tramas e os seus personaxes. Foi difícil montar este crebacabezas?

A soidade das medusas xurdiu tras acabar o primeiro dos relatos que escribín, “Náufrago”. Todo ocorreu debido á miña curiosidade como lectora. Ao rematar de escribir ese conto, quixen coñecer máis sobre o personaxe do escritor illado nun mar de edificios. Necesitaba saber máis da súa personalidade, dos seus traumas do pasado, de quen era a posuidora da man misteriosa que o fechara naquel rañaceos. Así foi que precisei crear outros relatos que me axudasen a comprender que fora o que lle sucedera a aquel pobre home. Ás veces, mesmo me resultaba curioso ver como os personaxes ían collendo vida propia e me ían levando con eles cara ás seguintes historias. Non me resultou demasiado complicado. Só tiña que deixar falar aos protagonistas e ter presentes certos aspectos relacionados cos tempos e os espazos para que o conxunto non perdese verosimilitude; o que no audiovisual se chamaría o raccord.

Nas ilustracións de Luz Beloso intúese unha gran complicidade. Dá a sensación de que soubo reflectir á perfección o espírito onírico dos relatos. Como foi este proceso de traballardes xuntas?

Teño unha sorte inmensa, que é a de ter a Luz como compañeira de traballo no IES As Barxas (Moaña); como amiga e confidente e agora, ademais, como ilustradora d’A soidade. É unha educadora marabillosa, que consegue implicar a toda a comunidade do centro mediante o seu traballo e a súa ilusión, e ademais é unha artista incrible. En canto lle pedín que ilustrase os relatos, non tardou nin dous minutos en dicir que si, e co entusiasmo e a creatividade que desborda, o proceso foi divertido e moi enriquecedor. De seguida soubemos o que queriamos e conectamos de tal xeito que en ocasións eu tiña a sensación de que podía entrar na miña mente, pois conseguía ilustrar case con exactitude o que eu imaxinaba.

Ademais, rimos moitísimo durante o proceso, porque a maioría das veces Luz creaba as ilustracións partindo de imaxes reais, e as máis das veces, os debuxos que aparecen no libro somos ela e mais eu. Así que vos invito a indagar de quen se trata cada unha.…

Foto Iria Collazo

No relato “TOC” reflictes unha infancia afastada do tópico de «mundo perfecto». Canto hai de persoal nesa historia?

Para min, a infancia non é ningún paraíso perdido. A miúdo, os adultos, desde o noso mundo burocrático de persoas importantes que non vén máis aló dos seus narices, idealizamos unha etapa que en moitas ocasións está chea de dúbidas e medos. O relato de TOC é o máis persoal de todo o libro: trata dunha rapaza que padece un Trastorno Obsesivo Compulsivo que impide que poida vivir o seu día a día con normalidade. Eu padecín TOC desde os 12 anos, e ata os 18 non me atrevín a falarlle a ninguén da ansiedade que estaba sufrindo. Sei que se tivese reaccionado antes, aforraría moitos anos de anguria e a miña calidade de vida melloraría moito, incluso hoxe en día.

Por iso me decidín a escribir esa historia. Quería dignificar, na medida das miñas posibilidades, ás persoas que padecen calquera tipo de enfermidade mental, que aínda hoxe deben enfrontarse a un dobre sufrimento: o de enfrontarse coa súa propia mente e o de batallar contra unha sociedade que as sinala, as etiqueta e as invalida de xeito impune.

Gústache empregar elementos autobiográficos nas túas obras?

Non é que me guste, máis ben se trata de que non podo evitalo. De feito, non creo que exista ninguén que poida facelo. A escrita forma parte da vida. As persoas ás que nos gusta escribir non somos diferentes das persoas ás que lles gusta cantar, cultivar na horta ou traballar a madeira. A escrita non pode ser allea ao que nos ocorre, ao día a día. E creo que, en certo sentido, tampouco ten sentido que o sexa.

A doenza, a violencia doméstica, a perda… Semella que nos teus libros non se agocha ningún tema do que che apeteza ou do que necesites falar…

Non penso que haxa que evitar ningún tema. Nunca. Nin na escrita nin na fala. Comunicarnos mellor, aprender a transmitir o que queremos, o que necesitamos… Aprender a comprendernos, en definitiva, podería ser a nosa salvación..

Polos relatos de A soidade das medusas transitan uns personaxes femininos dotados de moita forza. Imaxino que isto é algo totalmente consciente, non si?

Son consciente de querer crear personaxes femininas libres, arriscadas e valiosas polos seus méritos e as súas capacidades. E fortes, claro. Acaso ese adxectivo non é un epíteto se vai acompañando ao substantivo muller?.

As túas obras están publicadas na colección “Costa Oeste”, da Editorial Galaxia, pensada en primeira instancia para o lectorado xuvenil. Sénteste cómoda escribindo para ese público?

Debo confesar que non escribo para un público en concreto, e iso posiblemente sexa un erro meu como escritora. Non son quen de pensar nunha franxa concreta de idade cando estou en pleno proceso creativo, de feito, nin sequera son quen de imaxinar a ninguén lendo o que estou a escribir. Síntome cómoda escribindo. É o lugar onde máis cómoda me sinto, de feito. Pero non consigo situarme do outro lado do espello e pensar en quen pode ser a persoa máis axeitada para recibir ese texto.

Malia iso, tes a intención de, no futuro, orientar a túa escrita cara a outras idades?

Como digo, non escribo para un público concreto. No futuro, se todo vai ben, seguirei escribindo. Quen queira achegarse ao que escribo, benvido será, teña a idade que teña. Outra cousa é que lle guste o que escribo, claro.

Aí xa non me meto.

Como inflúe nos libros o teu traballo como mestra, con permanente contacto con adolescentes?

Ser profesora de Lingua e Literatura Galega nun centro de ensino secundario axúdame a coñecer que é o que lle gusta ler á rapazada, cales son os temas que lles interesan e de que xeito prefiren achegarse a eles. Saben recoñecer perfectamente a calidade literaria, e ensínanme cada día a comprender cales son as súas necesidades e os seus gustos. Así que supoño que é unha vantaxe poder contar con esta aprendizaxe, e estoulles moi agradecida. Os meus alumnos e alumnas son unha parte fundamental da miña vida. E cantas veces foron quen de darlle a volta a un día atravesado!

Condicionou este traballo na docencia a túa orientación literaria, ou existía xa unha autora de literatura xuvenil latente que acabaría por agromar de todos os xeitos?

Eu fun unha escritora que non escribía desde hai moitísimos anos, incluso desde antes de adicarme á docencia. Creaba historias na miña cabeza, todo o día artellaba novos diálogos, personaxes, intrigas… O caso é que non me atrevía a escribilas. O medo de non ser quen de facelo era demasiado forte. Ata que un día venturoso lanceime e saíu a primeira páxina de Coma unha áncora. No fondo, hai que ser un pouco kamikaze para converterse en escritora.

Como é o teu proceso de escrita? Es máis organizada ou máis impulsiva?

Definitivamente, son demasiado impulsiva. Sono na miña vida diaria e tamén o son na escrita. Pero a base da historia que quero crear téñoa que ter clara antes de poñerme a escribir. Iso de sentar diante dunha páxina en branco e ver que é o que sae non é para min. A idea xa debe estar xestada e mastigada, e isto pode levar bastante tempo. No caso de Coma unha áncora foron anos, incluso. Despois, unha vez que sei o que quero, escribo dun xeito bastante veloz. O que non quere decir que cando remate lle dea mil e unha voltas ao texto ata case caer na loucura!

E xa para rematar: estás mergullada nalgún novo proxecto literario?

Ando con cousiñas, si. Escribir agora é unha necesidade. Sentiríame baleira se non sentise a ilusión dunha nova historia rondándome os adentros.

Pódesnos adiantar algo sobre o mesmo?

Quero contar un conto. No fondo sempre se trata diso, non? De contar contos.

 

Source: Criaturas

2017-09-28T10:19:38+00:00 28 / 09 / 2017|Criaturas|