Entrevista a Dani Padrón

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Entrevista a Dani Padrón

Entrevista a Dani Padrón

entrevista Dani Padrón

Unha entrevista a Dani Padrón


Por: Vícor Rivas


Da quinta do 1983 Dani Padrón é un dos referentes da ilustración na literatura infantil e xuvenil de Galicia, malia a súa xuventude. O seu nome comezou a soar con forza logo do XIV Certame de Cómic de Cangas, no ano 2010, nome que quedou ligado á Lix no ano seguinte, cando gañou o Premio Pura e Dora Vázquez, dende entón conta cunha boa listaxe de publicacións nas principais editoras cun estilo persoal e moi recoñecible.

A coñecida frase de que ‘a primeira impresión é o que queda’ venlle pequena a Dani Padrón, tras o seu sorriso de neno curioso e o seu carácter reservado, escóndese moito máis, a ilusión polo seu traballo, a profesionalidade e, sobre todo, un talento baseado no traballo duro, na imaxinación e nun estilo persoal. Quen teña a sorte de cruzar os seus pasos co ilustrador de orixe ourensá recoñecerá nel un home tranquilo. En Criaturas quixemos falar con el para sobrepasar as primeiras impresións e coñecelo a fondo.

 

Qué che levou a ilustrar LIX?

Foi unha combinación de varios factores. Cando estaba rematando a carreira de arquitectura non parecía que ese fose un campo ideal para gañarse a vida, e menos para unha persoa sen unha vocación profunda. Un día deume por participar no Premio Pura e Dora Vázquez, que gañei na modalidade de ilustración. A raíz deste premio coñecín a María Canosa, que foi o que realmente supuxo un cambio na miña vida. Ela gañara a parte do texto, e pensou que merecía a pena apostar por min. Empezou a darme contos por se quería ilustralos, e iso foi o que me fixo pensar un pouco máis en serio que tal vez por aí podía ter futuro.

Canto tempo levas ilustrando?

Aínda que debuxei toda a miña vida por gusto, eu situaría o meu comezo como ilustrador no ano 2010, precisamente cando fixen as ilustracións para presentarme ao Premio Pura e Dora Vázquez. Se falamos de canto tempo levo vivindo de ilustrar, a data sería 2013. Aí empecei a ser autónomo.

Debuxas para vivir ou vives para debuxar?

Debuxo para vivir. Afortunadamente é un traballo que me gusta moito, pero é un traballo. É certo que moitas veces debuxo cando non estou traballando, pero tamén en moitas ocasións teño que debuxar sen que me apeteza, e para min iso marca a diferencia.

Cal é o teu mollo? Qué che define como ilustrador a hora de traballar?

Sobre todo, que son moi traballador. Non sempre me resulta fácil poñerme a traballar, pero en canto empezo podo pasar moitas horas enriba dun debuxo. Traballo a escuras e normalmente con acompañamento, que pode ser música, unha película, un partido de fútbol…

Con que ferramenta te sintes máis cómodo a hora de debuxar?

Sempre me pareceu unha ferramenta marabillosa a goma, borrar para min é imprescindible, ningún debuxo me sae ben de primeiras. Por iso, todo o meu traballo é dixital , porque me sinto moito máis cómodo sabendo que podo facer correccións ilimitadas. Sempre teño unha man no ctrl+z.

Cales son as tuas fontes de inspiración?

Non sabería enumeralas, porque non son buscadas. Non é que acuda a fontes concretas de inspiración cando a necesito. Penso que, máis ben, van quedando no meu subconsciente detalles de calquera cousa que me atrae visualmente, sexa en ilustracións doutra xente, en películas, en fotografías… e que logo van saíndo cando traballo, seguramente sen eu enterarme. En xeral, se me vexo bloqueado e necesito inspiración, o que mellor me funciona é xustamente deixar de pensar ou de traballar, e tratar de despexar a mente.

Es máis de acompañar ou de aportar?

O de acompañar penso que vai por defecto. A ilustración sempre vai ligada a outra cousa, sexa unha historia, unha canción ou unha caixa de galletas. A partir de aí, a min gústame intentar aportar, pero non sempre é igual de fácil, depende moito do que esteas a ilustrar. Eu pásoo mellor cando se me permite dar renda solta á imaxinación.

En calquera caso, penso que o ilustrador sempre aporta en maior ou menor medida, porque ten que tomar unha serie de decisións (a elección do que se conta, o deseño dos personaxes, os fondos, as cores…), que, por moi condicionadas que estean, sempre van dar resultados diferentes en función de quen o debuxe.

Qué botas en falta no eido da edición LIX?

Que sexa máis asequible vivir dela.

Cal foi o teu primeiro traballo relacionado coa Literatura Infantil e Xuvenil?

O meu primeiro libro ilustrado foi o que saíu como resultado do Premio Pura e Dora Vázquez, que mencionei antes: O papaventos de Laura, de María Canosa. Iso foi en 2011.

Ese é o libro que marcou a túa traxectoria?

Si, en primeiro lugar porque sen O papaventos de Laura, non tería traxectoria.

Cal foi o libro que máis gozaches durante o proceso de ilustración?

Pan de Millo, de Migallas Teatro, para a editorial Kalandraka. Porque o que ilustrei foron cancións, que me foron acompañando durante todo o proceso. Iso fíxoo máis divertido.

Seguro que tes algún libro que che encantaría poder ter a oportunidade de ilustrar, non?

Así é. Pero máis que un título en concreto faríame especial ilusión poder ilustrar calquera conto clásico, deses que nos contaban cando eramos pequenos, dos que todo o mundo ten unha imaxe aproximada na cabeza.

Supoño que, como nos pasa a case todos, algunha encarga rara terías…

Non sei se “rara”, pero o que máis me rompeu a rutina de ilustrar libros foi participar con dúas etiquetas no 110 aniversario de Estrella Galicia.

Estamos en Criaturas, encantaríame saber cal é a túa criatura favorita (agardo que digas un debuxo claro!)

A cousa perdida, de Shaun Tan.

Eu non teño máis preguntas, xa sabes que os ilustradores somos máis de acción que de palabra. Algo que engadir?

Si (ri). Grazas pola entrevista.

PÓDESE VER ALGO DO TRABALLO DE DANI PADRÓN EN DANIPADRON.COM OU NA SÚA PÁXINA DE FACEBOOK DANI PADRÓN – ILUSTRACIÓN.

 

 

 

 

Source: Criaturas

2017-10-30T07:52:07+00:00 30 / 10 / 2017|Criaturas|