Em fa mal

Ti coñécesme. Pode que non sexamos amigos íntimos, ben sei que non vou ser o padriño dos teus fillos nin a man que quererías soster nun momento duro, mais coñécesme. Sabes, máis ou menos, o que penso; e sabes tamén que escribo.

Eu escribo porque fabulo. Non podo deixar de o facer. Nunca me aburro. Cando fiquei no paro, en pleno estoupido da crise, miña mai chamábame case todos os días e preguntábame: “Non te aburres ti só na casa?”. “Non, mamá. Eu nunca me aburro”. Esa é a verdade. Sempre estou a argallar. Córreme máis a cabeciña que o almanaque e así fun quen de vivir situacións que darían para encher dúas vidas.

Nalgunha delas imaxinei o que acontecería se, algún día, me encerrasen polas miñas ideas. Gustaba de pensar que os meus coñecidos, as miñas amigas, os amigos das amigas, as amigas dos amigos, etc., me amosarían o seu apoio, mesmo que participarían en manifestacións e protestas a prol da miña liberdade. Entre todas esas persoas imaxinábate a ti. Hoxe xa non. Hoxe estou asustado e síntome cada vez máis só, máis triste. E non porque sexa un inxenuo respecto á realidade. Antes doíame a indiferenza. Agora dóeme a conivencia, o odio e a falta de empatía de moitas das persoas que me arrodean. Entre elas ti.

Vivimos nun país de psicópatas. Amamos a humillación, a vinganza, o “a por ellos”, o zasca baleiro e a ocorrencia ferinte fronte a argumentación. A humillación só crea monstros, deberías ser consciente diso. Ou non.

Sei que cando veñan por min, polo meu irmao, pola túa amiga, polo meu veciño, botarás as maos á cabeza e dirás: como puido ser? Mais xa será tarde.

Onte linlle unha frase a Míriam. Escribiuna –supoño –desde a súa Barcelona: Em fa mal que el que em fa mal no faci mal a tothom. Non sabería expresar mellor como me sinto.

Source: O Lugar do Sapo

2017-11-03T10:42:35+00:00 03 / 11 / 2017|O Lugar do Sapo|