Eloxio da vida no campo

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Eloxio da vida no campo

Eloxio da vida no campo


















Muuh! No prado das vacasA alquitara

Ambientados no rural francés, os cómics de Jean-Marc Troubet “Troubs” describen formas de organización social e traballos do campo facilmente recoñecibles para o lector galego. 
Nos últimos tempos e moi especialmente na última década, o mercado francófono da banda deseñada experimentou un aumento de títulos que se achegan ao mundo rural e particularmente ao eido da produción agrícola dende múltiples perspectivas: as intrigas familiares da serie Châteaux Bordeaux de Éric Corbeyran, o anecdotario autobiográfico de Christophe Blain en En cuisine avec Alain Passard ou de Fred Bernard en Chroniques de la vigne, o documental con vocación ecoloxista de Étienne Davodeau en Rural! e Les ignorants ou a autoficción humorística de Manu Larcenet en Le retour à la terre, por poñer algúns exemplos. Dada esta diversidade e a actualidade do fenómeno, resulta arriscado xeneralizar tanto sobre as causas coma sobre os propósitos dos autores que participan desta vaga, aínda que si semellan responder a unha certa conciencia ecoloxista e á exaltación dun sector produtivo co que os franceses mostran un alto grao de identificación.
A editorial galega Figurando Recuerdos publicou nos últimos anos dúas obras de Jean-Marc Troubet “Troubs” que podemos considerar expoñentes desta tendencia. En 2015 apareceu Muuh! No prado das vacas, un curioso cómic no que o debuxante francés fala tanto da súa vida no rural como da súa peculiar relación co gando vacún. Cada día, Troubs achégase co seu caderno aos campos que rodean a súa casa para debuxar as vacas que pacen neles. A metade das páxinas que compoñen o cómic son bosquexos do natural feitos con carbón nos que o autor demostra tanto unha fascinación estética pola morfoloxía do animal coma unha afinidade emocional cara el. “A metade da súa vida pásana a meditar. Tómbanse, pechan as súas pálpebras e, mentres rumian, confíanse aos seus pensamentos”. A outra metade do cómic é unha fábula, o diálogo imaxinario das vacas entre si e as súas opinións respecto do humano que as frecuenta. Esta obvia humanización das bestas agocha unha visión idealizada do campo como o espazo que fai posible unha vida pausada e reflexiva en contraposición coa urxencia da vida urbana. O autor propugna un retorno á terra, ao terroir francés que é un espazo físico mais tamén emocional. Poucos cómics da recente vaga ruralista francesa transpiran un bucolismo tan inxenuo coma este. Agradécese que entre tanta melancolía haxa algo de espazo para o humor.
En 2017, Figurando Recuerdos publicou un segundo cómic de Troubs, A alquitara, no que o autor francés relata a súa viaxe por distintas localidades do occidente francés acompañando ao que nós chamariamos un augardenteiro, un artesán que se dedica a destilar licores cun alambique. Se Muuh! No prado das vacas podía considerarse un cómic pastoral, A alquitara responde ás características dun xénero irmán, a xeórxica, no que se describen os traballos derivados da vida no campo. Escrito en forma de diario, Troubs vai debullando nel unha cadea de acontecementos mínimos: as xentes que coñece, detalles das súas conversas, os avatares das súas colleitas e do proceso de destilado. Acompañan o texto grandes imaxes dun expresionismo escuro que se recrean na representación da maquinaria empregada e da actividade licoreira. O trazo groso e inacabado contribúe a transmitir a autenticidade e a dureza primordial dos traballos do campo. Troubs mostra o devalo dunha actividade que contra 1999, ano do seu primeiro percorrido, se percibía coma un vestixio do pasado, propio dunha forma de organización social abocada a desaparecer. No epílogo descubrimos que en 2012 a alquitara xa non se despraza. É tan escaso o número de usuarios que non compensa, son os clientes os que teñen que achegarse. O que semellaba ser un documental etnográfico conclúe cun comentario que vincula a extinción do modelo de produción minifundista, veciñal e autoxestionado á involución política: “xamais crería posible volver ver isto algún día… unha regresión tan grande das liberdades”.
Poucos cómics coma os de Troubs reflicten a tensión característica da vaga ruralista da BD francesa: por unha banda, unha identificación nostálxica coa vida no campo e cos traballos de produción agrícola en proceso de desaparición polo avance da industrialización; por outra, unha ollada cara o futuro cargada de conciencia ecoloxista e outros valores tradicionalmente progresistas. Tan lonxe e tan preto, a identificación dos galegos coas relacións sociais e produtivas que describe Troubs nos seus cómics resulta ben doada. A vaca é o noso animal totémico e os licores destilados na casa forman parte da nosa cultura gastronómica, como destaca o texto de Carlos C. Varela que pecha A alquitara. Esa proximidade explica por que un autor do que só se traduciron ao castelán dous títulos (Viva la vida! e El sabor de la tierra, dúas alfaias do cómic testemuñal producidas en colaboración con Edmond Baudoin) reciba unha atención preferente no sistema editorial galego. 

Source: Un ollo de vidro

2019-03-27T09:03:00+00:00 27 / 03 / 2019|Un ollo de vidro|