Elipses e Sombras: Franquin anotado

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Elipses e Sombras: Franquin anotado

Elipses e Sombras: Franquin anotado

Franquin. QRN en Bretzelburg

Dibbuks recupera unha aventura de Spirou do ano 1963 nunha edición idónea para apreciar o xenio do debuxante belga André Franquin.
Spirou, personaxe icónico da BD franco-belga probablemente só superado en popularidade por Tintin, cumprirá en 2018 os oitenta anos. O aniversario coincide cun excelente momento no que á publicación dos seus cómics en castelán atinxe, despois de que a editorial Dibbuks apostara forte polo personaxe. Ademais de publicar os seus novos álbums e recuperar títulos da súa extensa historia, todos eles editados cuns estándares de calidade irreprochables, a editora emprendeu o ano pasado a reedición cronolóxica da que é considerada por moitos como a etapa máis memorable do personaxe, a debuxada polo historietista belga André Franquin (1924-1997), figura senlleira do cómic europeo da segunda metade do século XX e da chamada Escola de Marcinelle, unha corrente creativa da que participaron artistas imprescindibles coma Peyo, Morris ou Tillieux. Por se fose pouco, tamén no pasado 2017 apareceron dous volumes do Spirou de Franquin en edición anotada polo crítico belga Hugues Dayez, La máscara e o máis recente QRN en Bretzelburg. Ambos recollen estas dúas aventuras tal e como apareceron orixinalmente nas páxinas da revista Spirou. Xa que logo, inclúen contidos que foron eliminados na compilación en álbum, algo que acontecía habitualmente no sistema editorial franco-belga cando se reconducían a formatos estandarizados materiais publicados serialmente. Respéctase ademais o formato de media páxina que empregaban Franquin e os demais autores da revista, un xeito de traballar que lle concedía ao editor unha maior flexibilidade á hora de organizar os contidos do semanario. Elimínase a cor e inclúense as anotación de Dayez, que ofrecen información acerca das referencias gráficas empregadas por Franquin, das diferenzas coa edición en álbum, do contexto social en que a obra viu a luz e das opinións dos autores e editores involucrados no proceso. 
QRN en Bretzelburg foi publicada semanalmente entre 1961 e 1963 (incluíndo unha parada de quince meses por enfermidade do autor), e polo tanto, corresponde á etapa de madurez dun Franquin que comezara a debuxar profesionalmente en 1944 e levaba traballando con Spirou dende 1946. O debuxante belga sempre se caracterizou pola axilidade do seu trazo e a intensa expresividade dos seus personaxes, características que se foron acentuando cos anos. Na derradeira etapa da súa evolución artística, correctamente representada por este cómic, o nervio e a enerxía que desprende o seu debuxo alcanza a súa maior intensidade. Nas páxinas deste volume abundan as carreiras e as persecucións, os saltos e as caídas; tamén a violencia inofensiva na mellor tradición do slapstick: golpes, trabadas, choques… Franquin debía ofrecer satisfacción inmediata ao lector cada semana, de aí que imprimise un ritmo frenético e non haxa páxina sen acción, sen un gag cómico ou ambas cousas. O deseño dos personaxes protagonistas acada a súa versión definitiva, que pesaría sobre os artistas que o sucederon e só moi recentemente foi obviada por debuxantes como Émile Bravo ou Olivier Schwartz. A eles engade un elenco de secundarios creados para esta aventura, personaxes que levan na figura retorta e o xorne recalcado o selo do seu creador. 
Esta aventura, que Franquin desenvolveu coa axuda de Greg (Michel Regnier), outro autor clásico da revista Spirou, transcorre en Bretzelburg, un país imaxinario de inspiración claramente xermánica que mantén unha tensa relación co veciño seudo-italiano Maquebasta. O dos países imaxinarios foi un tópico empregado recorrentemente pola BD franco-belga despois da II Guerra Mundial, case sempre para ofrecer metáforas recoñecibles do totalitarismo que levara a Europa ao desastre nos anos anteriores. Este caso non é unha excepción, aínda que os autores optan por darlle preferencia á peripecia e deixar a mensaxe política nunha amable declaración antimilitarista. A forza do relato reside na pulsión aventureira de Spirou e na potente vis cómica do seu amigo Fantasio, ben apoiado por outro secundario habitual da serie, o marsupilami. QRN en Bretzelburg acada momentos de excelente humor branco e deixa constancia do inmenso talento de Franquin como debuxante, revelándose coma unha excelente mostra da mellor BD europea infantil dos anos 60. 

Source: Un ollo de vidro

2018-02-26T11:38:00+00:00 26 / 02 / 2018|Un ollo de vidro|