Elipses e Sombras: As crónicas norcoreanas de Guy Delisle

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Elipses e Sombras: As crónicas norcoreanas de Guy Delisle

Elipses e Sombras: As crónicas norcoreanas de Guy Delisle

Pyongyang

Rinoceronte Editora dálle un novo pulo á súa colección de Novela Gráfica cun clásico recente do cómic autobiográfico.
A primeira década do século XXI caracterizouse, no que ao cómic atinxe, pola aparición de novos formatos de publicación e novas sensibilidades artísticas que transformaron o medio, abríndoo a un público lector que ata entón non se interesara por el. Entre as correntes creativas que protagonizaron este cambio ocupan un lugar sobranceiro as narrativas do eu, tanto biográficas como ficticias, e os cómics de non ficción, en moitas ocasións cunha pronunciada sensibilidade social ou política. Este é o contexto do que xorde Pyongyang, obra senlleira do debuxante quebequés Guy Delisle que Rinoceronte publica agora en galego, e que vén sumarse a outros títulos da mesma fornada que a editora canguesa ten no seu catálogo, como Persépole de Marjane Satrapi ou Palestina de Joe Sacco
Delisle visitou Corea do Norte en 2003, cando rexía o país Kim Jong-il, fillo e sucesor do fundador da patria, Kim Il-sung, e pai do actual “amado líder”, Kim Jong-un. O país era xa daquela unha das ditaduras máis herméticas do mundo e o seu difícil encaixe no panorama internacional traducíase nunha habitual presenza nos medios de comunicación occidentais. O debuxante quebequés pasou varias semanas na capital do estado traballando nun proxecto de animación que unha produtora francesa subcontratara a un estudio do país asiático. En 2006 vía a luz Pyongyang, o cómic no que Delisle debulla as súas vivencias na capital norcoreana . 
Á súa chegada a Pyongyang, Delisle é conducido á colosal estatua de Kim Il-sung que preside a cidade, onde debe depositar un ramo de flores. Dende o primeiro capítulo da súa viaxe queda establecido que Corea do Norte é un estado totalitario, construído sobre o culto á personalidade da dinastía no poder e no que a disidencia política non é tolerada en ningunha das súas formas. As súas vivencias na capital norcoreana  non serán máis que sucesivas confirmacións desta idea inicial. Pyongyang retrata os mecanismos de adoutrinamento ideolóxico e control social do estado norcoreano sobre a poboación, mais faino sen grandilocuencia, valéndose do humor e a distancia irónica como ferramentas de disección. O de Delisle é un achegamento minimalista, que parte dun anecdotario cotián para denunciar os excesos dun réxime que se sostén sobre o sometemento cruel da poboación. A gran cuestión de fondo é o grao de identificación dos norcoreanos co pensamento único. Acreditan nas mentiras do réxime ou finxen facelo para sobrevivir? Delisle non ten resposta. 
Hai etnocentrismo en Pyongyang? Moito. Delisle emite un xuízo constante sobre a realidade que atopa sen poñer en cuestión a matriz tamén ideolóxica do seu propio sentido común. Hai paternalismo? Tamén. Non son poucas as ocasións nas que a súa ollada humorística retrata os norcoreanos cunha amabilidade condescendente. Podería ter sido doutra forma? Dificilmente. Pyongyang non é nin aspira a ser un tratado sociopolítico senón máis ben un libro de viaxes. Delisle asume a perspectiva do home medio occidental que descobre con curiosidade a realidade de Corea do Norte. A súa pretende ser unha ollada casual, nin moi incisiva nin excesivamente politizada. O seu relato confirma todas as nosas sospeitas. Talvez esa sexa a súa principal eiva, a absoluta coherencia coa imaxe do país que transmiten os medios occidentais, a falta dalgún achado realmente inesperado. 
Pyongyang non era a primeira crónica viaxeira que asinaba Guy Delisle. Apenas un par de anos antes recollera en Shenzhen o testemuño da súa estadía en China, tamén por motivos profesionais. Semella que as democracias capitalistas e as ditaduras comunistas, tan antitéticas na teoría, non teñen grandes problemas para entendérense á hora de facer negocios. Máis adiante chegarían Crónicas birmanas e Crónicas de Xerusalén e, con elas, a transformación en fórmula dun xeito de narrar que en Pyongyang percibimos aínda como orixinal e espontáneo. 

Source: Un ollo de vidro

2018-04-18T10:23:00+00:00 18 / 04 / 2018|Un ollo de vidro|