Elefante, de Manuel Darriba

Elefante, de Manuel Darriba

Manuel Darriba

Elefante

Xerais, Vigo, 104 páxinas, 14,60 €, 2018.

A proposta de Darriba, nesta ocasión vehiculizada a través dun libro de relatos, algúns verdadeiras novelas curtas, percorre insistente e coherentemente espazos e  contextos estraños, inhóspitos, sempre rodeados dunha forte carga simbólica e donos dunha indiscutible lectura política, obxectivados ao tempo a través dunha linguaxe directa e esencializada.

O relato que lle dá título ao libro é, practicamente, unha novela curta e resulta un dos máis interesantes: protagonizado por un xornalista chamado Sebald, este debe investigar todo o que se tece arredor dun edificio chamado dese modo en Sirga: edificio singular na súa aparencia e singular tamén no qu se refire á súa significación e simbolismo. Coa suposta intención de realizar nunha crónica revélase que no edificio non hai nada pero, ao tempo, del emana o poder. Este é o pano de fondo dunha proposta interesante que abala entre a presenza dunha resistencia ao que significa o devandito símbolo, o pensamento de que a razón utilitaria está morta ou a exploración dos conceptos de postmodernidade, do útil e do inútil, da razón da arte e, claro é, do propio poder.

Outro texto que merece atención é tamén unha novela curta: “Os Urot´oki”. Nel, de novo aparece unha voz narrativa que é un xornalista coa encomenda de compor unha sorte de crónica sobre a visita que vai realizar a un espazo singular: Kent´aki, onde viven os urot´oki. Textualmente é unha proposta interesante onde se incorporan acaidamente fragmentos de entrevistas, outros de corte ensaístico e opinións que recolle en diversos espazos e de diferentes persoas. Os urot´oki constitúen unha comunidade illada historicamente que se converte na “representación antropolóxica do xenuíno” e que reflicte o “arquetipo humano puro”: un lugar no que a oralidade é o principal pois “co seu arsenal de metáforas e imaxes” cultivan sempre a cultura e a tradición oral sendo os seus habitantes xeradores “espontáneos de poesía”, pero cos índices de lectura máis baixos do mundo pois o que hai é unha patente hexemonía da expresión oral. Unha sociedade, en fin, que non coñece guerras e que é obxecto de estudo para “obter as claves que se poidan aplicar a sociedades conflitivas” e onde o único problema é a procura de pozos de auga, alén dun trazo particular como é a dificultade para expresar os propios sentimentos pois “a riqueza da súa oralidade leva implícita a súa ocultación”, ademais do feito de que “a estima pola lingua viva sitúa a palabra impresa no plano do frívolo”. Texto moi ben construído, ao meu ver, con chiscadelas evidentes a espazos recoñecibles como a chamada “Casa das Palabras”: proxecto visionario e monumental do Goberno ou como se advirte na descrición dunha visita a unha aldea do interior do país.  

       De novo en “Pel de serpe” hai unha viaxe -sempre se viaxa neste libro- realizada por un fotógrafo, xunto cunha moza xornalista. Percorre unha xeografía ermaco obxectivo de investigar unha batida de caza orixinada no feito de que un lobo levara un neno de seis meses. Todo isto suporá internarse nos espazos máis profundos e interiores dun país, como pode ser o noso, onde o  mellor do relato se centra talvez na descrición dos espazos que visitan na aldea: pechados, fríos, con xentes desconfiadas, de poucas falas e  con conversas truncadas…, conseguindo transmitir con limpeza un estado de continuo desacougo. 

     Para concluír, os tres derradeiros relatos abrazan máis intensamente a brevidade rodeados, igualmente, dunha forte carga simbólica, de xeito que en “O viaxeiro” prima a transmisión da sensación do medo, convertida en algo tanxible; en “A selva”, conscientemente enigmático e críptico, rexístrase unha conversa dun home cunha muller aberta a múltiples interpretacóns e, en “Autovía”, vólvese dar voltas ao desacougo e, en certa medida, ao incomprensible instalado na nosas vidas.

Darriba ofrece, en fin, unha obra de altura e esixente cunha marcada orientación simbólica que singulariza un proxecto narrativo sólido e moi suxestivo.

Source: Caderno da crítica

2018-02-13T07:26:02+00:00 13 / 02 / 2018|Caderno da crítica|