El lagarto negro

El lagarto negro

Curiosa lectura esta que nos ofrece Salamandra na súa colección “Black”: El lagarto negro de Edogawa Rampo mestura un algo de intriga cun curioso procedemento, o narrador, quen lembra ao lectorado accións e curiosidades dirixíndonse directamente a el (supoño que debido a que a novela foi publicada por entregas, e así comprobamos que a acción é importante ao final de cada capítulo), ofrecendo un sentido do humor moi peculiar. O libro é tan só unha loita de enxeño entre os dous personaxes principais: unha muller mala malísima, o Lagarto Negro ou madame Midorikawa, e o detective Kogorô Akechi, que hoxe en día case semellan un xogo inxenuo. Pero debemos lembrar que estamos ante un clásico que ofrece un investigador sagaz sempre por diante do criminal, aínda que non o pareza. Por ser un libro dos anos 30, resulta unha lectura moi diferente que sorprende a aquelas persoas que esteamos acostumadas a ler novela negra, pois afástase totalmente da novela negra actual, como é normal. Unha lectura doada que non deixa de resultar atractiva para situarnos a principios do século pasado en Xapón.



Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2017-09-05T08:16:00+00:00 05 / 09 / 2017|Trafegando ronseis|