El humano

El humano

De querermos establecer unha xenealoxía do debuxo de Lucas Varela (Buenos Aires, 1971) poderiamos remontarnos ata a liña clara de Swaarte ou Chaland, mais sen desbotar a súa afinidade con referentes máis próximos: a economía no trazo de Max, a versatilidade de Albert Monteys ou a xeometría glacial de Jason. Debuxante minucioso, de trazo limpo e liñas ben delimitadas, as súas pranchas convidan sempre a unha contemplación demorada pola súa harmoniosa posta en páxina e pola enganosa sinxeleza da súa narrativa. Con El día más largo del futuro (La Cúpula, 2017), traballo que tiña na súa proposta formal un dos seus argumentos máis sólidos, Varela asinara unha atinada alianza entre o seu grafismo e os escenarios de ciencia ficción, pacto ao que agora retorna acompañado polo escritor Diego Agrimbau (Buenos Aires, 1975), con quen xa colaborara en Diagnósticos (La Cúpula, 2013). 

El Humano (La Cúpula, 2020) sitúanos no planeta Terra medio millón de anos despois da extinción da raza humana. A este escenario regresa Robert, un científico que considerara que a única posibilidade de supervivencia para a humanidade pasaba pola reconstrución da civilización milenios despois da súa propia desaparición. O mundo ao que chega é salvaxe mais fértil, inzado de vida vexetal e animal. Axudado por intelixencia artificial da súa propia creación, o científico tentará executar sobre o terreo o seu plan: iniciar unha nova xeira para a humanidade que eluda os erros que a conduciron ao colapso. A cuestión de fondo é se tal cousa é posible ou se, pola contra, a pulsión (auto)destrutiva é consubstancial á natureza humana.
Varela e Agrimbau completan, xa que logo, un exercicio de ficción científica especulativa no que a resolución dunha intriga argumental (que aconteceu coa outra cápsula, habitada pola compañeira de Robert, que debería ter chegado á Terra simultaneamente) vai acompañada dun comentario irremediablemente pesimista acerca da condición humana. Robert somete a natureza á razón transformadora da intelixencia humana. Porén, a súa actuación deixa axiña de responder a criterios racionais e comeza a revelar algúns vicios: a violencia coma acompañante da forza civilizadora, a institucionalización da superstición, o mesianismo, a falta de empatía co entorno… Canda a motivos recorrentes de ciencia ficción canónica atopamos tamén ecos dos dilemas antropolóxicos abordados en clásicos literarios coma O señor das moscas, A Costa dos Mosquitos ou mesmo O corazón do negror, nos que a dialéctica entre razón e natureza ocupaban unha posición central. Agrimbau e Varela non aspiran a darlle unha profundidade excesiva ao seu achegamento. Pola contra, o pesimismo antropolóxico é apenas un ingrediente máis, diríase que case obrigado, nunha fórmula que non outorga menos protagonismo a misterio e aventura. Se hai algo que consegue elevar o resultado é o debuxo dun Varela que ilumina cada páxina malia empregar unha paleta de cores deliberadamente escura. 

Source: Un ollo de vidro

2020-03-21T07:33:00+00:00 21 / 03 / 2020|Un ollo de vidro|