Eduardo Pondal, buscador de tesouros

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/Eduardo Pondal, buscador de tesouros

Eduardo Pondal, buscador de tesouros

A tumba de Breogán
Abel Alves e Esteban Tolj propoñen unha ficción aventureira con Eduardo Pondal e Manuel Murguía como protagonistas.
 
Demo Editorial naceu como unha editora consagrada á banda deseñada de autores galegos e en lingua galega, mais dende a súa primeira publicación, Os lobos de Moeche de Manel Cráneo, mostrou tamén unha especial querenza polos títulos relacionados coa historia e a cultura de Galicia, tal e como confirmaron obras posteriores como Mamed Casanova: O fillo da furia de Manolo López Poy e Miguel Fernández, ou os catro volumes da colección Castelao de Iván Suárez e Inacio Vilariño. A tumba de Breogán, o máis recente lanzamento da editora coruñesa, sitúase nese ronsel aínda que en ningún momento aspire a ofrecer un retrato veraz do pasado. Pola contra, a obra toma un desvío cara o relato de aventura con elementos fantásticos no que a presenza de escenarios históricos e personaxes reais contribúen a darlle á trama unha ancoraxe real ao tempo que funcionan como un engado para o público. 
 
Escrita por Abel Alves, A tumba de Breogán ten como protagonista a un Eduardo Pondal fascinado pola investigación arqueolóxica, unha faceta da súa personalidade vinculada á idea de celtismo que tan notable presenza ten na súa produción poética. O achado dunhas reliquias romanas preto da Torre de Hércules e a súa relación co recollido no “Lebor Gabála Erenn”, o “Libro das Invasións de Irlanda” que menciona o faro coruñés, lévao a emprender a busca da tumba do mítico Breogán, e non só polo seu valor arqueolóxico ou polo tesouro que supostamente agocha, senón porque a súa aparición confirmaría o encaixe de Galicia no mundo celta. Na súa angueira, Pondal contará como aliados con Manuel Murguía e Rosalía de Castro, e terá tamén a axuda do bandoleiro Antón Dedo d’Ouro e, indirectamente, de Emilia Pardo Bazán. Os seus adversarios serán os membros dunha loxia carlista liderada polo abade da Colexiata de Santa María da Coruña.
 
A suma de todos estes elementos conduce axiña a unha primeira conclusión: a vontade lúdica predomina sobre a fidelidade histórica. E non só porque o argumento sexa evidentemente unha fantasía, senón tamén polas inexactitudes (sexan erros ou licencias) que atopamos no texto, sendo a figura lanzal do Murguía debuxado por Esteban Tolj a máis evidente. Diríase que o que os autores procuran ante todo é deseñar unha trama directa e entretida, que seduza ao lector polo atractivo duns personaxes e escenarios recoñecibles, e por unha peripecia alimentada a base de acción e xiros argumentais. De querermos atoparlle unha filiación ao relato, é probable que este responda a unhas claves semellantes ás das fantasías históricas que proliferaron hai unha década tras o éxito de O Código Da Vinci de Dan Brown, relatos construídos sobre uns alicerces históricos aos que se lle engaden elementos míticos.
 
A obra ten, xa que logo, unha certa vocación de pastiche, de mestura desacomplexada de ingredientes diversos con fins desacralizadores. A veneración con que son contempladas aínda hoxe as figuras centrais do Rexurdimento fai que a idea de involucralas nunha ficción aventureira con elementos sobrenaturais resulte dunha irreverencia que merece recoñecemento. Tamén o desexo de aproveitar con fins narrativos a riqueza patrimonial e o pasado histórico de Galicia. Dito iso, non hai no relato grandes achados e nin sequera pode dicirse que resulte especialmente atinado no manexo das claves aventureiras. A narración adoece dunha simplicidade excesiva, cuns personaxes apenas matizados e cunha peripecia que discorre ata a súa resolución sen afastarse dos camiños máis transitados do relato aventureiro.
 

Source: Un ollo de vidro

2019-05-07T20:50:00+00:00 07 / 05 / 2019|Un ollo de vidro|