Edición facsimilar dun importante traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda no seu primeiro cabodano

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Edición facsimilar dun importante traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda no seu primeiro cabodano

Edición facsimilar dun importante traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda no seu primeiro cabodano

IMG_20190920_145119O profesor Xesús Alonso Montero lembrou hoxe, e moi oportunamente, nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia, o primeiro cabodano da profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Recomendo vivamente a súa lectura pois deita nel información moi valiosa sobre os traballos que Victoria preparaba, e que nalgúns casos tiña xa dispostos, sobre moi diversos asuntos de índole literaria, ecdótica, biográfica ou cultural.

Lembrei, ao tempo, que xa dera conta neste blog dalgunha publicación importante que homenaxeara a súa traxectoria como a separata da revista Madrygal (nº 21, 2018) mais non me referira á existencia dunha edición facsimilar, e non venal,  dun artigo que Victoria Álvarez publicara no número 29 da revista A trabe de ouro (1999) baixo o título de “Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a Inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro”, editado pola Xunta de Galicia este mesmo ano e prologada por Xesús Alonso Montero, que inclúe ademais o documento que reproduce a partida bautismal de Rosalía de Castro e que a investigadora viguesa analizou e estudou con tino e sagacidade.

A edición facsimilar do artigo, sen dúbida un dos estudos máis salientables da autora sobre tema rosaliólogo, goza de catro anotacións posteriores da propia autora como proba do seu incesante traballo de investigación, e revela, entre outros interesantes datos, a dureza da vida dos expósitos galegos que eran recluídos na Inclusa compostelá, que a propia autora define, nunha nota na que se refire a este artigo, un “territorio dickensiano dos incluseiros, dos nenos abandonados na Inclusa na Galicia do XIX”.

Moi acertada, ao meu ver, esta edición facsimilar dun traballo imprescindible para a biografía de Rosalía de Castro. Valla a referencia a este artigo para lembrar, no seu primeiro cabodano, a modélica investigadora que foi Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda.

Source: Caderno da crítica

2019-09-20T14:02:43+00:00 20 / 09 / 2019|Caderno da crítica|