¿E haberá tirón de orellas?, de María Victoria Moreno

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/¿E haberá tirón de orellas?, de María Victoria Moreno

¿E haberá tirón de orellas?, de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno

¿E haberá tirón de orellas? (ilustracións de Carme Peris)

Galaxia, 2º edición, 32 páxinas, 9 €, 2017

 

Comezan a chegar algúns libros, neste caso reedicións, da obra literaria de María Victoria Moreno coa ollada posta no próximo horizonte do Día das Letras 2018.  A carón dunha precisa reedición de Leonardo e os fontaneiros, a editorial Galaxia acolle ¿E haberá tirón de orellas?: álbum ilustrado publicado orixinalmente no ano 1997 e que, hoxe por hoxe, resultaba imposible atopar.

María Victoria Moreno aborda neste libro unha historia sinxela protagonizada por unha cadela chamada Alma. A través dela a autora simboliza o ser e sentirse diferente e ignorada, en permanente soidade, ao tempo que se subliña, desde o propio título, o perenne temor ás consecuencias que pode carrexar o feito ser quen de reaccionar e procurar camiños distintos e liberadores.

A través de tres grandes seccións como son “solpor”, “noite” e “amencer” e exhibindo un rexistro lingüístico admirable, Moreno bota man do recurso á fábula encadrada nun mundo rural un tanto idealizado onde a protagonista non se sente aceptada, mais desde a que se cultiva a amizade que establece cun pequeno pardal. Alma e o pardal andarán á busca da liberdade, que é outro motivo aquí omnipresente, como resposta á  soidade e á incomprensión.  Oportunísima, sen dúbida, esta reedición.

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura infantil Tagged: ¿E haberá tirón de orellas?, Carme Peris, Galaxia, María Victoria Moreno
Source: Caderno da crítica

2017-11-08T15:08:14+00:00 08 / 11 / 2017|Caderno da crítica|