Dous poemas en The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I (2017)

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/As Crebas/Dous poemas en The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I (2017)

Dous poemas en The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I (2017)

(Faculdade de Letras da UC homenageia Maria Irene Ramalho Santos. Fala a professora Isabel Caldeira)

The edge of one of many circles: Homenagem a Irene Ramalho Santos. Vol. I-II, organização de Isabel Caldeira, Graça Capinha e Jacinta Matos (Imprensa da Universidade de Coimbra, 2017) é a obra, disposta en dous volumes, con máis de 900 páxinas, coa que a Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra (FLUC) homenaxea a Prof. Doutora Maria Irene Ramalho dos Santos.

O título é un verso de Thirteen Ways of Looking at a Blackbird, de Wallace Stevens, poeta estudado e traducido por Maria Irene Ramalho, en concreto tirado deste fragmento:

IX
When the blackbird flew out of sight,
It marked the edge
Of one of many circles.

E a obra, como se sinala no sitio web da FLUC, compila «artigos na sua maior parte de consagrados/as especialistas nas diversas áreas – estudos anglo-americanos; estudos comparados; poética; estudos feministas; estudos pessoanos –, para além de uma secção com poemas de poetas de várias nacionalidades, que estiveram presentes nos Encontros Internacionais de Poetas, organizados pelos Estudos Anglo-Americanos da Faculdade de Letras da UC, e de uma secção de testemunhos em honra da homenageada».

Hai unha década, fun convidado a particpar no «VI Encontro Internacional de Poetas», que decorreu entre o 24 – 27 de Maio de 2007, nunha edición na que a representación galega foi numerosa, xa que aló estivemos o finado Ramiro Fonte, Alexandre Nerium, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. Dentro do das «Leituras de Poesia» a min cadroume ler na 2ª sessão do 26 de Maio no fermoso Jardim da Sereia, con Roxana Crisólogo (Perú), João Rasteiro (Portugal) e Joan Retallack (EUA).

Por esta razón recibín o convite para participar nesta Homenagem a Irene Ramalho Santos, pois Maria Irene era unha das nosas atentas anfitrioas. Non sei a razón, mais son o único poeta galego que figura nesta obra e enviei dous poemas que fan parte do libro As crebas (Espiral Maior, 2011), merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral». Curiosamente o apartado de «Poemas / Poems» ábrese cun texto de Ana Luísa Amaral, a quen cito no segundo dos meus. Velaquí:

Para Maria Irene, mestra de saberes

Misión pedagóxica

A misión pedagóxica, e non se fala agora de Machado, de Lorca, de María Zambrano ou de Miguel Hernández, só pretende o reflexo no espello dunha nai que aleitou con tenrura a túa fame de ollos pechados no alimento, esa nai que aprendeu das raíces os nomes que designan as plantas para que fosen teus.

E cando ti regresas sabes que espera o tacto e a revelación fértil de exóticas raíces que traen outros nomes aprendidos nos libros que lle foron negados.

Os seus dedos mirrados tiñan como destino enfiar as agullas nunha máquina Singer e coser para fóra.

Con razón o teu tacto cose as súas feridas.

A metamorfose

Cruzar olhares: uma tarefa curta.
(A outra:
a mais gramatical
forma de amar)

«Gramáticas do olhar», A Arte de Ser Tigre (2003), ANA LUÍSA AMARAL

Cruzar hoxe os ollares: unha tarefa curta, mais de todo imposible porque os teus iris baixan con présa as escaleiras, abandonan a escena, atrás queda o proscenio, atrás tamén o público e no medio da rúa blasfemas contra o vento, nada hai de bohemio, nin nada de impostura na explosión, no Big Bang que orixina o silencio.

Unha metamorfose convértete en anfibio, notas o sangue frío, a pel un tecido áspero que segrega veleno, respiras polas branquias e queres afondar na charca nausebunda.

Recordas «Axolotl», o conto de Cortázar, metáfora sublime do fascinio da ollada.

Pódese ser anfibio, non é literatura.



Source: As crebas

2017-08-29T19:01:22+00:00 29 / 08 / 2017|As Crebas|