Dez anos vivindo entre contos

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Dez anos vivindo entre contos

Dez anos vivindo entre contos

zampacontos

Unha entrevista a Ángel Perotti. Libraría Zampacontos.


Por: Celia Pereira Porto e Amalia González Pereira


Ángel Perotti recibe ás Criaturas na súa bonita e alegre librería Zampacontos, que por iso tiña que estar, por forza, nas Galerías Sol, na rúa Santo Domingo, nº 39, local 21, de Ourense, e o lugar onde Vicente Risco viviu e dirixiu a Revista “Nós”. A finais deste ano, o 17 de decembro, ademais, Zampacontos vai celebrar o seu décimo aniversario, de cuxos festexos, por suposto, informará a Revista Criaturas.

Todas aquelas persoas que adoramos os libros sabemos ben que todos os universos que estes conteñen non poden encollerse nun espazo físico. Mais se hai algún lugar onde esa conxunción de mundos, historias e maxia é posible, ha de ter, con toda seguridade, forma de libraría. Por iso todos coñecemos algunha na que un impulso eléctrico nos sacode nada máis entrar. Así é como nos sentimos cada vez que traspasamos a porta da libraría Zampacontos.

_DSC0082

Por que decidiches abrir unha librería especializada en literatura infantil e xuvenil?

Zampacontos é a consecución do meu soño, é máis ca unha libraría especializada en literatura infantil e xuvenil. É un proxecto cultural e dinámico, que ten como prioridade estimular a imaxinación e intelixencia das rapazas e rapaces a través da literatura infantil e xuvenil, contando tamén con “smart games” e con xogos didácticos. Polo tanto, no seu momento tomei a importante decisión de cubrir un oco dentro do sector das librarías, na cidade de Ourense, sendo a primeira libraría especializada en infantil e xuvenil de Ourense, que realiza tamén contacontos, obradoiros temáticos e de animación á lectura, e un concurso infantil de conto ilustrado, sempre coa finalidade de promover e difundir a lectura entre a xente máis nova.

Que tipo de público acode á librería?

Temos as portas abertas a todo o público en xeral, sendo a maior parte do público persoal docente e estudantes de Ciencias da Educación, ademais de todas as persoas que aman a lectura e a literatura infantil e xuvenil.

Que cambios notaches durante este tempo, tanto no público, como nos libros, edicións…?

Dentro dos cambios que notei até agora podemos diferenciar os de carácter negativo, como son os peches de librarías e de editoriais, debido á crise, en xeral, e tamén á crise do sector do libro, xa que unha das numerosas causas é que o noso sector, e toda a cultura, moitas veces pasa a un segundo plano, sobre todo, a nivel institucional. Na miña opinión, se o sector tivese máis axudas, máis apoio, moita máis presenza e forza, quen ganaría sería toda a sociedade e, polo tanto, sería un éxito para todo o mundo.

Os cambios positivos afortunadamente tamén son moitos, como, por exemplo, a altísima calidade das editoriais galegas, o bo traballo da comunidade educativa, que se preocupa para que os cativos e cativas sexan bos lectores e lectoras, e tamén noto como cambio positivo que o público lector, en xeral, cada día está máis informado.

Realizas algún tipo de actividade ao redor dos libros e a literatura?

En Zampacontos realizamos presentacións de libros, obradoiros temáticos e de animación lectora e, como expliquei anteriormente, un concurso infantil de conto ilustrado, que ten como finalidade promover o uso do galego entre a xente máis nova e, ademais, difundir a arte e a lectura.

Que lecturas lles interesan máis ao público infantil?

Como é normal o interese polos libros, os diferentes formatos, as historias e contidos cambia moito a medida que os rapaces e rapazas van medrando. Dos libros con texturas e sons, os despregábeis, os álbumes ilustrados pasamos a libros para oito anos en diante cunhas temáticas moi diferenciadas: desde libros de piratas, princesas, monstros e ogros, até os libros de coñecemento e de receitas de cociña…

Les algúns dos libros que tes na librería?

Si procuro ler todo o que podo, mais o tempo moitas veces non chega a nada.

Que foi o máis divertido que viviches na librería? E o máis triste?

Do máis divertido, a presentación do libro disco “Fíos do querer”, as diferentes presentacións con Susa Herrera e a presentación dalgúns libros, da editorial ourensá Linteo, como: “Que tal vexetal”, “Que tal canciño”, “Que tal pequeniño”, “Un cabaliño de mar soíño” e “Comida rápida”. Estes libros amosan as froitas e verduras dun xeito ameno e divertido. O día da presentación os rapaces e rapazas imitaron as fotografías dos libros, compoñendo as imaxes dos libros con cachiños de froitas e verduras e despois comeron as froitas na hora da merenda.

O máis triste é escoitar a unha persoa adulta ou a un cativo ou cativa dicir que non lles gusta ler e que tampouco lles gustan os libros. Por sorte, os zampacontistas aman os libros e a lectura, polo tanto, non temos ese problema.

De que xénero vendes máis libros?

O que máis vendo en Zampacontos é álbum ilustrado, libros para primeiros lectores e libros de ciencia e de coñecemento.

Interésase a xente pola literatura en galego?

Si. O interese do público pola literatura en galego vai medrando pouco a pouco.

Percibes gustos e intereses entre nenas e nenos? De ser así, en que consisten?

Cando son rapazas pequenas, a moitas gústanlles os libros sobre princesas, libros de cor rosa, fadas e príncipes. E para os cativos tampouco cambia: libros sobre piratas, monstros, coches, robots e superheroes. Cando medran eses gustos cambian, menos mal!

En que medida a xente merca só para agasallar ou polo puro pracer de ler?

Como regra xeral o público merca máis para agasallar, mais unha vez que o cliente mercou o agasallo, tamén leva un libro por pracer. En Zampacontos mercan moitísimas nais, aínda que o número de pais que entran cos seus cativos ou cativas tamén vai medrando, afortunadamente.

Arrepentiches nalgún momento de dedicarte a isto?

Se tivese 50 vidas máis seguiría con Zampacontos! O meu caso é vocacional porque sempre quixen ter unha libraría e todos os días tento ser mellor libreiro.

Cal foi a venda máis sorprendente que fixeches?

Ás veces, os meus amigos e clientes encárganme libros na rúa, nun ascensor, nun aparcadoiro, pola noite…

Como imaxinas o futuro de Zampacontos?

Agardo que o proxecto de Zampacontos perviva, sempre dando o mellor servizo e atención á clientela, difundido a paixón polos libros e a lectura aos máis cativos e cativas, asesorando aos centros docentes e bibliotecas, e tamén me gustaría comezar un proxecto editorial, mais, polo momento, pensemos no 17 de decembro deste ano, no décimo aniversario.

zampacontos

Descárgaa en PDF

Source: Criaturas

2017-09-21T13:16:47+00:00 21 / 09 / 2017|Criaturas|