De North Wolloh ao mundo

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/De North Wolloh ao mundo

De North Wolloh ao mundo

 

genet

Unha entrevista de María Reimóndez a Genet Mullugueta


Por: María Reimóndez


Correr maratóns está ao alcance de moi poucas, especialmente se das en nacer nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Ou quizais non, a historia de Genet fálanos de superación, de dignidade. María Reimóndez, a autora de Corredora, a novela que lle dá vida, fala con Genet nesta entrevista única.

Corredora é unha novela para público xuvenil na que María Reimóndez é quen de debuxar as intrincadas liñas dos camiños etíopes, dende a montaña ata as rúas das cidades. Hoxe temos a fortuna de asistir a esta entrevista única no seu xénero. Autora e protagonista cruzan preguntas e reflexións necesarias.

 

María: Teño entendido que non che gustan moito as entrevistas.

Genet: Voume afacendo. Mais prefiro correr. En calquera caso é pouco frecuente que me entreviste alguén que coñece o lugar de onde proveño. Eu tamén teño entendido que coñeces Moloxi.

M: Coñezo.

G: Curioso. E que che pareceu?

M: Un lugar que me marcou para sempre, non quero dicir nada que soe a épica nin por idealización nin por espectáculo. Hai cousas que son para sentir unha de xeito íntimo, cousas que só sabe o corpo que estivo nos lugares. Coma o teu, con moitísima máis lexitimidade ca o meu. A fin de contas só fun unha faranji que tentou ser o menos invasiva posible.

G: Alá poucas se ven, algo chamarías a atención.

M: Unha muller maior preguntoume se tiña mai. Cando lle dixen que si, preguntoume que como me deixara subir alá arriba, que alá nin a xente do goberno subía. 

G: Describe bastante ben o lugar de onde proveño.

M: Si… o certo é que a miña familia tamén vén das montañas, salvando moitas distancias non é un contexto totalmente descoñecido para min.

G: E como acabaches en Moloxi?

M: Seguindo o traballo de Implicadas no Desenvolvemento…

G: Unha cousa desas de axudar ás pobres?

M: Non exactamente.

G: Eu estou ata o gorro desa historia das pobres.

M: Enténdoo. Mais ese non é nin o meu enfoque nin o de Implicadas. As cousas hai que enfocalas dende a xustiza e dende a representación. Quero dicir que en calquera país pode haber pobreza, mais o importante é mostrar como se constrúe e que iso non sexa o único que se coñeza dos lugares. Etiopía, iso a ti non cho teño que explicar, é un país magnífico, cheo de historias, de culturas, de linguas e, tamén, de atletas coma ti. De feito, a min gustaríame que se coñecese máis Etiopía, que puidesemos, a través da tradución, acceder ao que vós mesmas tedes que contar, mais polo de agora iso non é moi viable. Así que polo menos as brancas temos a responsabilidade de ir creando un contexto no que haxa máis diversidade de historias… Ao final polo que se ve estasme entrevistando ti a min.

G: É a primeira vez que me deixan facer preguntas. Polo xeral é todo: como foi a carreira? Que agardas do seguinte maratón? Vas seguir correndo para a selección etíope? Para quen queren que corra senón, penso eu sempre. A ti gústache correr?

M:  Nada que se compare ao teu.

G: Pero fas deporte?

M: Si, creo que para as mulleres o deporte é moi importante. Axúdanos a ser máis donas do noso corpo. Mais polo que teño entendido a vida das deportistas de elite coma ti é bastante dura.

G: Non sei. Correr para min é vivir. Sabes cando hai algo na túa vida que tanto ten se o fas ben ou mal, pero sentes que non podes vivir sen iso? Tal cal é para min correr. Un proer cando non podes, un non sentirte ben contigo mesma, un sentirte perdida. En todos os momentos da miña vida, dende que saín de Moloxi a Addis Ababa e de aí ao mundo enteiro, sempre tiven esa certeza, esa paixón no meu interior.

M: A min pásame o mesmo coa escrita.

G: Será que ao final o importante é iso. Atopar o que nos fai felices, mesmo en contra de todos os prognósticos.

M: Que por veces son moi grandes.

G: Si, pero se algo ensina correr maratón é que hai que resistir. Esa é a única clave para vencer. Resistir.

 

 

Source: Criaturas

2017-07-13T08:04:11+00:00 13 / 07 / 2017|Criaturas|