De barcos voadores

De barcos voadores

A ansia do ser humano por voar é vella, desde Ícaro, pobre, a san Xosé de Copertino, o franciscano italiano do s. XVII que levitou setenta veces sen que mediase forza física. Mentres non se logrou voar con medios ordinarios fixémonos ilusións e aplicamos o cualificativo de voadores a outros aparellos como, por exemplo, os ómnibus El Volador, unha empresa de carruaxes que atendeu nos anos finais do s. XIX varias liñas por Galicia, entre elas A Coruña-Carballo na que, ida e volta, investía catro horas. Mesmo o afouto almirante galego Casto Méndez Núñez presentouse en Montevideo a bordo dun bergantín chamado Volador o 14 de xaneiro de 1847. Tamén, daquela e durante moitos anos, foi habitual chamarlles “voladores” a certo tipo de fogos de artificio (bengalas) que segundo as figuras que debuxaban no aire, a pesar do cheiro a pólvora, recibían nomes tan melosos como «caprichos» e «suspiro de dama».

Edison, o xenial inventor, andaba polos primeiros anos do s. XX dándolle voltas ao deseño dun barco voador (aeroplano) equipado con ás de aceiro. Outro inventor, Langley, presentou un modelo na Exposición de San Luis de 1904 que acadaba unha velocidade de 400 millas por hora.

No ano 1929, dous anos despois de que o aviador Lindbergh cruzase o Atlántico sen escalas, os americanos probaron un foguete que debía facer branco na lúa pero fracasaron; estoupou a 618 quilómetros de altura coa conseguinte alarma pois a bóla incandescente podía ter relación cun ataque marciano.

Pero regresemos a Europa, á Mariña concretamente, e falemos de barcos voadores. En 1920 a Sociedade Mindoniense de Cabotaxe, composta por xente de Foz e Mondoñedo, construíu un veleiro que se chamou Espiñeira- Mondoñedo cuxa botadura tivo lugar en setembro de 1921. Pouco despois, en novembro de 1923, amarou en Ribadeo o primeiro barco voador, o hidroavión Audaz nº 2 da compañía Aviación Sport Orte, pilotado polos irmáns arxentinos Parera. Atracaban ou amaraban, segundo se mire, no fondeadoiro de Figueirúa e mentres agardaban a chegada doutro aparato, aproveitaron para tirar algún beneficio ofrecendo paseos aéreos a moitos mariñaos que nunca tal experimentaran. O barco voador podía subir a cada volta, que duraba oito minutos, tres pasaxeiros e o custo por persoa era de 35 pesetas. Todo ben ata o día 25 de novembro, ás seis da mañá, cando o veleiro Espiñeira-Mondoñedo atracou a carón do hidroavión e provocou o seu naufraxio.

Espiñeira-Mondoñedo (El Progreso, 22 de outubro de 1967)

Espiñeira-Mondoñedo (El Progreso, 22 de outubro de 1967)

Destes acontecementos escriben con moitos máis datos e coñecemento o cronista oficial de Foz, Suso Fernández, e o cronista da atalaia alcantarina mindoniense, X. Ramón Fernández Pacios, quen no seu blog “O gabinete de Foz” (8 de xuño de 2017) se lamenta despois de comentar con detalle as penúltimas aventuras do barco: “Descoñecemos que pasou co veleiro trala poxa, pero sería un amargo fin para o único barco que foi quen de afundir a un hidroavión”

Un dato máis. En 1967, segundo conta Alfonso Toimil González en El Progreso, o pailebote Espiñeira-Mondoñedo ensumíase no abandono na Ría de Ribadeo. Dálle pena velo así, sen que ninguén o asista no afliximento, e a piques estivo de soltarlle amarras. Tiña razón Toimil, un barco que conta na súa folla de servizos co mérito de ter afundido o primeiro barco voador que se viu pola Mariña tiña merecida unha agonía máis urxente.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso- A Mariña, 5 de novembro de 2019.

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-11-05T15:21:30+00:00 05 / 11 / 2019|Caderno de campo|