DARDO POÉTICO (LXVII) "Dous libros de coplas que coinciden ao cabo do tempo: SOPLACOPLAS E COPLAS"

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/DARDO POÉTICO (LXVII) "Dous libros de coplas que coinciden ao cabo do tempo: SOPLACOPLAS E COPLAS"

DARDO POÉTICO (LXVII) "Dous libros de coplas que coinciden ao cabo do tempo: SOPLACOPLAS E COPLAS"

Teño nas mans un libro ben especial. Dende que o vin fiquei prendido da súa orixinalidade 

e da coincidencia coa miña maneira de crear nun determinado intre. Estou a falar do 

poemario infantil  Soplacoplas, da escritora arxentina Cecilia Pisos.

     

     
     O libro encántame. Está ateigado de poemas que mesturan o cotián coa maxia e a fantasía.  Ademais, os versos –que son coplas- van acompañados de suxestivas ilustracións, creadas por Juan Vidaurre, que nos trasladan a universos imaxinativos máis alá do evidente.
     
     Di a autora, nada en Bos Aires en 1965,-que exerceu de docente en diferentes cátedras universitarias e foi editora de libros de texto e de literatura infantil- o seguinte:
     
     Hai un par de anos, mentres preparaba un obradoiro de poesía para mestres, atopei na miña biblioteca o Cancionero tradicional argentino, recompilado por Horacio Jorge Becco e tamén atopei o libro El árbol de la copla, antoloxía prologada por Leopoldo Castilla. Foi comezar a ler as coplas, que non veñen nunca por unidade senón por ducias, e comezaron a saír todas de entre as páxinas dos libros. Ao pouco tempo, dun xeito inesperado, comezaron a facer glub glub no peito as coplas propias…
     

Cecilia Pisos

     

     Así naceu en Cecilia Pisos este Soplacoplasmarabilloso que leo e releo con moitísimo pracer.
En el verde de tus ojos
va un barquito a navegar;
yo estoy adentro del barco,
¡no vayas a parpadear!
     
     Poesía actual, delicada, dun lirismo emocionante dentro dunha estrutura estrófica tradicional fresca e musical.
Las nubes en altamar
son los sueños de los barcos.
Si una nube es pequeñita,
es de velero de charco.
     
     Que dozura! Que lirismo tan nidio e imaxinativo! Pero tamén temos o humor ben presente neste poemario:
Si te ha picado en el bosque
un mosquito como un lobo,
o estás muy Caperucita
o sin repelente, bobo.
     Ou as tan tan suxestivas preguntas, tan presentes na literatura de tradición oral, que dan un xogo impresionante á poesía:
¿Quién oye hablar a los peces
o callarse a las cigarras?
¿Quién es que escala los ríos
y quién nada en las montañas?
     
     E por que digo eu que me sinto tan identificado con este libro? Que me leva a prestarlle unha atención especial, á marxe da súa indubidable calidade? Pois moi sinxelo. Cando eu comecei a escribir poesía pensando nos nenos e nenas, o primeiro libro que escribín chamouse –e segue a chamarse- precisamente Coplas

     



     Andaba eu moi mergullado na literatura popular, base poética fundamental, e comprendín que as coplas me chamaban. Así que adoptei esta estrofa para escribir os meus primeiros poemas pensando que se poderían publicar. Ao mesmo tempo, fun escribindo outro poemario con esquemas estróficos variados. Este chamouse Nenos. Ambos libros viron a luz xuntos no ano 1988  grazas a Carlos Casares, a quen lle debo tanto ao confiar en min nun momento coma ese. Eu non tiña nada publicado pensando na rapazada.

     
     E saíron nunha colección fermosísima da editorial Galaxia, deseñada por Manuel Janeiro,  que se chamaba Tartaruga.

Posteriormente, nesta mesma colección, aparecería o meu terceiro poemario, Aloumiños. Case sen sabelo estaba poñendo os alicerces dunha carreira literaria que tantas satisfaccións me deu.
     No ano 2008 houbo unha  reedición moi especial de Coplas(e tamén de Aloumiños) nunha Tartaruga que xa non tiña nada que ver coa anterior.
   



     Como se pode ver, coincido completamente con Cecilia Pisos no poder invisible das coplas. Cando as les, borboriñan no teu interior, sacódente e empúrrante a escribir.

     
     Comparto, deseguido, unhas mostras que foron o resultado desa necesidade creativa que me produciron. Pasaron trinta anos e sigo amándoas. A razón? Pois que con elas comezou todo. Introducín nesas estrofas de procedencia popular, desexos e visións do mundo, penso eu, universais. Temas que me preocupaban e que eu quería trasladar ao lectorado con dous obxectivos: que se emocionasen coa poesía e que reflexionasen co que ocorría ao seu redor.
     
Aquí están catro delas:
Mira ese neno pequeno,
cativo, mexeriqueiro.
Mira se ten no seu rostro
as lembranzas dos invernos.
Ou estoutra, para reflexionar
Os tesouros dos rapaces
son inxenuos e sinxelos.
Os tesouros dos maiores
son ruíns e medoñentos.
Pero os rapaces e rapazas nunca son uns anxos caídos do ceo, non:
Un paxaro busca cores
nas nidias augas do estanque,
mais un neno cunha pedra
faille coller o andante.
E nesta forma marabillosa, que é a copla, tamén podemos introducir desexos:
Que as árbores falen.
Que as árbores berren.
Que caian as follas
e os males enterren.
     Despois de todo o escrito, pódese comprobar a razón pola que me sinto ben preto dese fermoso Soplacoplas, de Cecilia Pisos.
     
     Unha auténtica e gozosa casualidade.
                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Source: Versos e Aloumiños

2018-11-05T17:54:00+00:00 05 / 11 / 2018|Versos e aloumiños|