DARDO POÉTICO (LXIII): "Reflexións sobre ´Irmá paxaro´, un poemario de Tamara Andrés."

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/DARDO POÉTICO (LXIII): "Reflexións sobre ´Irmá paxaro´, un poemario de Tamara Andrés."

DARDO POÉTICO (LXIII): "Reflexións sobre ´Irmá paxaro´, un poemario de Tamara Andrés."

                   Voando polo tempo que pasa sen pedir permiso

                             (Reflexións sobre o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés)

                                                                                                                Antonio García Teijeiro

Cando temos nas mans un libro coma Irmá paxaro, somos conscientes de estarmos diante dun poemario elegante dende o punto de vista formal (cun certo ton narrativo), intelixente nos seus planteamentos e moi vencellado á pel do ser humano (algo fundamental) sen experimentos e moi lírico.
    
    

Irmá paxaro é para min un poemario rico, un poemario, sen dúbida, de perdas: a da irmá paxaro que quebrou as ás e que deixa un baleiro evidente. Xa non fala. Sábeo Tamara Andrés, a autora, e arrinca a substancia poética ao sentir que os anos pasan e o mundo de seu cambia.

É a perda dun tempo cómplice que é compartido e que foi pasando mentres deixaba baleiros os recantos da convivencia, facendo que os límites quedasen desdebuxados por unha festa sen sentido.
     Un poemario cun catálogo común que inventa titulares e que evoca o desexo fondo de xustificar vivencias que se moven entre a soidade, o abandono, a sede, a crueldade ou as lembranzas a xeito de paseos , da aldea nunca visitada, das lambetadas do quiosco ou do feito de nadar sobre flores da memoria como sobremesa.
     Imaxes punxentes que sacoden : pero cando o sangue aniquilou / todo co seu gume fino e fondo / nunca xa máis / volvemos a ese lugar.
Imaxes dunha certa agresividade sinxela e directa: a mesa era tan circular coma os nosos ventres ou
habitabamos un violín tan / desafinado que as nosas contornas / danzaban sempre volubles.
Imaxes de sentimentos coñecidos: disque que a tenrura / é máis levadía cun anaco de pan para a boca ou a imaxinación/ é / tan fráxil / coma esta exhalación / de porcelana.
Podería seguir, mais prefiro que sexan os lectores os que vaian descubrindo a riqueza lírica dos versos que viven neste poemario tan belido.
 

Tamara Andrés. Foto tomada da Galipedia

     Un poemario, como dixen, de perdas e, ao fío disto, de ausencias.
Pero tamén de descubertas e nostalxias dunha vida en común cunha irmá que voou; un universo conxunto que conecta coas lembranzas e as vivencias fondas, coas fantasmas dun pasado sen destruír no pensamento, unha elexía de amor fraternal que intenta soster na man un tempo que pasa sen deterse e sen pedir permiso.
 

Na presentación en Vigo

     Un poemario, Irmá paxaro, ante todo, sincero e honesto, cunha grande expresividade sensorial, cun corpo sufrindo embates da vida e unhas metáforas que van do surrealista á unha concepción da realidade que se tinxe de misterio para infrinxir certas regras e que, a o tempo, emociona na súa fondura.
     
     Unha vez máis teño que dicir que a poesía sen emoción non é poesía. Un poemario que demostra e –sustenta-  esta miña afirmación.
Emoción todo el, silencios tensos, pausas para reflexionar sobre o lugar que o ser humano ocupa nesta vida tan complicada.
     Un discurso poético intenso como ten que conlevar a boa poesía. E esta é xa emotiva dende os acertados paratextos de Mara Wilson e, xaora, de M.ª Victoria Moreno, esa muller que tanto amei.
     E non quero deixar de salientar o carácter tan persoal e orixinal saído do texto das ilustracións de María Montes. Unha boa compaña.
Falando do poemario na presentación en Vigo. Libraría Cartabón.

     Ler a Tamara Andrés xa se está a converter nunha festa da luz e dos sentidos.
     Desta volta, dando consistencia a un proxecto ilusionante como é Cuarto de inverno, dirixido polos infatigables Andrea Jamardo e David Cortizo, que intentan abrir máis as canles da nosa literatura sen adxectivos para acadar o obxectivo da calidade literaria dende as trincheiras do auténtico.

      Alegrémonos. Con proxectos coma este, a literatura galega é máis sólida.

Source: Versos e Aloumiños

2020-02-18T16:01:00+00:00 18 / 02 / 2020|Versos e aloumiños|