DARDO POÉTICO (LIV)) "A voz aloumiñadora de Toño Núñez"

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/DARDO POÉTICO (LIV)) "A voz aloumiñadora de Toño Núñez"

DARDO POÉTICO (LIV)) "A voz aloumiñadora de Toño Núñez"

É desas persoas que eu admiro pola súa actitude diante da vida. Unha actitude de loita e de agarimo polo día a día. Capaz de embarcarse en proxectos diferentes coa cultura polo medio.

     Escribe e moi ben. Leva a poesía dentro e a música e a natureza e todo aquilo que sirva para sentir que o mundo que o rodea tamén ten cousas positivas.
     Toño Núñez é unha desas persoas coas que dá gusto conversar. Ás que dá gusto ler. Ás que un querería ter preto para enriquecer moitos días da súa vida. Da vida de un, aclaro.
     Porque me gusta a súa poesía, Toño Núñez ten que estar nesta sección, tan querida e coidada de Versos e aloumiños. Debemos escoitar as súas voces, a persoal e a poética, e deixarnos levar pola súa sensibilidade e a súa forma de dicir.

     Para Dardo poético é unha enorme satisfacción escoitalo a el. Non sei se en voz baixa ou en alto, pero de calquera xeito é quen de emocionarnos. Un Toño Núñez plenamente consciente do papel que xoga nesta sociedade nosa, demasiado cruel ás veces. Gocemos da súa palabra. Ben o merece.


Un home

Un home
Cobro nómina de mestre, escribo algo (dixo de min unha vez un señor sabio que tiña ínfulas literarias), canto un pouco…  Así, de vagariño, por amor, coma regos, vou sementando versos… Pero non sei tocar a guitarra. Nin o acordeón… E gústame moito, de cando en vez, escribir artigos de opinión.  Tamén devezo polas cereixas… Xa que logo: home de moitos oficios e…  non tantos beneficios. Mais, vivo ben. Moi ben… Por  veces…  ata son feliz…  Si, son un home… Un home outonizo, ás portas da invernía. Hai moitos anos fun un neno-rapaz-mozo de aldea moi tímido e acomplexado. Pero a vida foise volvendo xenerosa comigo e fun perdendo o medo… Agora son un destemido, un arroutado… Mais…  outras veces, aínda, un covarde…  E vou así,  engordiño (non hai présa) pola beira da vida. Camiño da morte… Amén!


Toño Núñez



Pedras
Na codia da terra falan as pedras.
que enchen o baleiro de saudades
E resoan no túnel das idades
baixo o lene aloumiño das hedras
 
Pedra ferreal, granito ou lousa.
Agochan nas engurras a memoria.
E o río do tempo da historia
no almanaque do seixo repousa.
Seguiremos o rastro dos ausentes
que labraron o futuro do pasado
na epiderme de laxes elocuentes
E andaremos o camiño trazado
con efémeros pasos, prepotentes.
Sobre as pedras dun chan ensanguentado.
                                                                                                                               Toño Núñez (texto). Christian Villamide (imaxe)





Ponte de Navia






Muralla
Muro ancestral de sangue e pedra,
cerco protector, abrazo amigo;
valado acolledor que dás abrigo
á cidade que no teu solar medra.
Da estirpe dos fillos de Lugh, fogar,
bimilenaria nai que nos defende;
baluarte secular que non se rende

diante dos ventos da serra e do mar.

Por sempre matria e musa serás
da xente que habitamos esta fraga.
E á que chegue tamén acollerás.
Celebro ser póla da túa saga
e tango por ti as miñas campás:
música que se alonga e non se apaga.
                                           
                             
                                                                        Toño Núñez  (texto). Christian Villamide (imaxe)

Outro home

Source: Versos e Aloumiños

2018-03-20T16:10:00+00:00 20 / 03 / 2018|Versos e aloumiños|