Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa

Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa

Estíbaliz Espinosa

Curiosidade (ilustracións de Celsius Pictor)

Aira editorial, Allariz, 84 páxinas,  15 €, 2017

 

Imposible non saír subxugado da lectura deste último libro de Estíbaliz Espinosa. Curiosidade nace dunha vontade de confluencia, dun territorio fértil onde “humanidades e ciencia afunden a súa única raíz: un ser humano ante a beleza do cosmos” tal e como afirma no epílogo do libro ou, dito noutra forma, percorre os camiños onde “A ciencia é literatura. A literatura é ciencia. A curiosidade o seu factor común. A beleza, o vector. A empatía, un dos infinitos resultados”. Baixo esta perspectiva a voz de Espinosa esténdese, espállase nunha miríade de textos escritos en diversas datas e mesmo algúns procedentes de twitter. A súa orixe diversa, a súa formulación plural é quen, así mesmo, de enriquecer unha proposta que abraza con solidez as aristas do concepto do asombro, xirando sen cesar no motivo e actitude que latexa no título e en cada unha das páxinas que o conforman: a “curiosidade” como “árbore viva que nos chupa coiro adentro / quizais regada con todo ese ADN de microbios”.

Labrar a palabra é unha forma de celebrar, escribe a autora,  e non lle falta razón nesta construción que procura, sempre, a mestizaxe e hibridación entre poesía e ciencia. Coa palabra labrada asistimos a paradoxos continuos, aos espazos do privado e o colectivo ou aos estereotipos que se perpetúan incólumes no tempo para concluír na necesidade de imprimir outra ollada comprensiva ao mundo-universo que nos rodea. Todo isto faise a través dunha mestura feliz que cabalga entre textos hiperbreves, unha sorte de prosa poética e poemas, se se quer, máis canónicos. Nuns e noutros aboia sempre esa intención de articular un discurso compacto que percorre asuntos como a linguaxe, a maternidade, a cosmoloxía, o corpo como ente físico e, claro é a ciencia e a propia vida, ou mesmo as vidas que se puideron vivir. Dos derradeiros poemas do libro subliño dous que me parecen brillantes e que xa de seu valían por un libro enteiro: “monogamias sucesivas en andeis de Ikea” (amor, libros e lectura irmandados ata o infinito) e “siamesidade”: un “ubi sunt” estremecedor, tan íntimo e ao tempo universal que nos fala dos “dezanove / violentos, putos / sobrestimados pola posteridade / soberbios / anos”.

Curiosidade é un libro suxestivo, onde a palabra fai que viaxemos por espazos sorprendentes e insospeitados en moitos casos. Convido, vivamente, a que se descubran.

 

Source: Caderno da crítica

2018-03-22T19:32:35+00:00 22 / 03 / 2018|Caderno da crítica|