Cultura convoca aos editores para falar das feiras internacionais do libro

Inicio/INFORMACIÓN/Cultura Galega/Cultura convoca aos editores para falar das feiras internacionais do libro

Cultura convoca aos editores para falar das feiras internacionais do libro

O desencontro entre a Xunta e o sector do libro sobre a retirada da participación institucional da Consellería de Cultura nas feiras internacionais do libro (agás a de Bos Aires) terá mañá venres un novo episodio, talvez reconciliador, coa reunión entre ambas partes. A Consellería de Cultura convocou á Asociación Galega de Editoras (AGE) a este encontro no que segundo Henrique Alvarellos, Vicepresidente da AGE, a asociación irá "a escoitar o que nos propón". Desde a outra parte da mesa Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, considera que a administración parou as contratacións públicas para asistir ás feiras en base a unha postura tomada polos editores que eles lles transmitiron en novembro pero que agora "parece ser que hai matices sobre esa postura e imos quedar para volver a comentar a cuestión e ver un pouco eles que é o que finalmente van facer e en función diso tomaremos unha decisión", declarou Lorenzo a preguntas deste medio.<br>Desde a AGE agardan "que se poida reconsiderar a postura de non acudir a esas feiras, fundamentalmente a Liber (Barcelona) e Frankfurt", consideradas as máis interesantes para o sector. Para a feira de Bolonia, que vai ter lugar en marzo, AGE estará presente cos seus recursos propios e os das editoras que decidan ir. Para as outras, que se celebran en outubro, agardan un cambio na decisión da Xunta para o que cren que "hai marxe para este ano". Pero para o Secretario xeral a esta altura de ano é difícil facer unha contratación pública aínda que non descarta poder facer algo e agarda á reunión para "coñecer de primeira man que é, ou cales son eses matices ou eses malentendidos que houbo e poder saber que é o que se pode facer." Desde a AGE teñen claro que o que se precisa é "unha liña de colaboración real coa Asociación para que esa promoción exterior, internacionalización ou como lle queira chamar sexa efectiva, sexa produtiva para o sector e para todos", di Alvarellos.

A pesares de que desde a Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega (AELG) reclamaron tamén a reconsideración da decisión da Consellería e tomar parte nas decisións sobre as citas exteriores da industria editorial, dos axentes do sector presentes no Consello Asesor do Libro só a AGE esta convocada a esta reunión xa que, segundo afirmou Anxo Lorenzo, esa é "a entidade coa que temos interlocución por moitos temas vinculados ao eido da edición entre eles as feiras internacionais".
Source: NOVAS |culturagalega.org

1970-01-01T00:00:00+00:00 01 / 01 / 1970|Cultura Galega|