Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Foto: M. Souto (foto da páxina de inicio de A. Bidán)

Ramón Vilar Landeira

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Certa tendencia a transitar os camiños longos e mal asfaltados e evitar as autoestradas.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

A honestidade, a empatía e o humor (empezando por ser quen de rir de si mesmas).

3.– Que agarda das súas amizades?

– Un pouquiño de todo o anterior (despois cada un que faga como poida).

4.– A súa principal eiva?

– Cústame dicir NON todas as veces que debera (aínda así, progreso adecuadamente).

5.–  A súa ocupación favorita?

– Amar (en horizontal, vertical e oblicuo), conversar, viaxar, ler e escribir. Nesta orde, estrita e innegociable.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Unha casa dende a que se poidan ver as estrelas e na que se sinta cómoda a xente que me aprecia.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– A desgraza dos que quero.

8.– Que lle gustaría ser?

– Dianteiro centro do Deportivo, escritor de viaxes, cantante de baladas italianas, mestre reloxeiro ou inspector de homicidios.

9.– En que país desexaría vivir?

– Un algo en moitos, aínda que retornando sempre a Ítaca.

10.– A súa cor favorita?

– De neno era a vermella (agora gústanme todas).

11.- A flor que máis lle gusta?

– Os bilitroques (polas tardes dos 23 de xuño) e as magnolias (pola exuberancia do propio nome).

12.– O paxaro que prefire?

– A lavandeira, o merlo e as andoriñas que aniñan no noso pallote.

13.– A súa devoción na prosa?

– Ferrín, Dieste, García Márquez, Rulfo, Urbano Tavares, Coetzee, Clarice Lispector, Donald Ray Pollock, Bolaño, Carver… E algúns moito máis novos que non cito para que non saiban canto os envexo.

14.– E na poesía?

– Aquí non vou mirar ao pasado, o agora está moi ben regado: Miro Villar, Olga Novo, Cordal, Chus Pato… Ah, e tamén daría parte das miñas accións en bolsa e fondos de investimento por asinar unha morea de cancións. Parte da mellor poesía galega da última década está en cds e bandcamps.

15.- Un libro?

-O que inaugurou a miña biblioteca hai trinta e algo anos. Comproumo meu pai no máis parecido que había na parroquia a unha libraría. Entre sacos de abono, colonias e tebeos de Mortadelo e Filemón, emerxeu o Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Aínda o conservo.

16.– Un heroe de ficción?

– Non son moito de heroicidades.

17.– Unha heroína?

– Fíxolle as beiras a xente que coñecía e souben de antemán que entre ela e máis eu era imposible o amor.

18.– A súa música favorita?

– As músicas todas (menos a fúnebre e a das comecartos, son tristes e molestas).

19.– Na pintura?

– Van Gogh, Gauguin, Luís Seoane e os debuxos que me regalan os meus fillos.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Atópoos con frecuencia e sei que non lle gustaría que dese os seus nomes.

21.– O seu nome favorito?

– Os nomes son todos bonitos (a xente que os leva depende).

22.– Que hábito alleo non soporta?

– O durmir en roupa interior e o dogmatismo (teño comprobado que hai unha relación causa-efecto).

23.– O que máis odia?

– A soberbia, a mesquindade e a peituga de pavo nos estantes do supermercado.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– A historia está repleta de cabróns esféricos (deses que foron cabróns a tempo completo, mires por onde os mires). Aínda así, cústame botarlle a un soa persoa todas as culpas de como é ou foi o mundo.  As responsabilidades históricas, por acción ou omisión, son colectivas.

25.– Un feito militar que admire?

-Aqueles que evitaron unha inxustiza aínda maior (tampouco se me ocorren moitos, pero seguro que algún hai).

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Conformaríame con quince centímetros máis e un algo de talento para a música.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– De vello, (repito) nunha casa dende a que se poidan ver as estrelas.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Voluble, aínda que predomina o optimismo sobre o ‘repunancia’.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Os que veñen de fábrica.

30.– Un lema na súa vida?

-Dálle que libras (son un tipo moi apreciado polos chapistas).

Arquivado en:Divulgación, Literatura galega Tagged: Cuestionario Proust, Ramón Vilar Landeira
Source: Caderno da crítica

2017-08-09T11:45:55+00:00 09 / 08 / 2017|Caderno da crítica|