Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-87)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-87)

Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-87)

Paulo Nogueira Santiago (edición e tradución)

Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-87)

Toxosoutos, serie Trivium, Noia, 138 páxinas, 15 €

 

Lin con atención e interese estas últimas xornadas as Crónicas… de Jean Froissart, libro editado por Toxosoutos na serie Trivium e que trae para o galego, ademais de incluír un completo limiar e un xeneroso corpus de notas a pé de páxinas, o profesor Paulo Nogueira Santiago -páxinas imprescindibles para moverse con seguridade no sempre complexo tecido socio-político deste tempo-, alén doutra suxestiva introdución que subscribe Clodio González Pérez.

Supuxo para min unha descuberta dar con esta edición, publicada hai poucas semanas, que posibilita achegarse á memoria dun tempo no que o Duque de Lancaster se apoderou do noso territorio mentres o rei da Coroa de Castela miraba para outro lado.  O certo é que o aquilo que máis me sorprendeu deste libro, do que só se coñecían ata agora unhas páxinas centradas na vila de Ribadavia, foi a naturalidade, plasticidade e modernidade que adopta o cronista, confesando as súas fontes orais, para relatar con detalles esa campaña militar de Xoán de Gante de maneira que todo adquire un nesgo novelesco en canto á perspectiva escollida para o relato e, realmente, se sitúa lonxe da densa prosa histórica que tamén existe nesta época.

Velaí como os diversos capítulos desta Crónica percorren os lugares que as tropas inglesas foron tomando para si desde a cidade da Coruña, pasando por Santiago, o Castro Lupario (un enclave próximo a Brión e Rois), Pontevedra, Vigo, Baiona, Ribadavia, Muros, Ourense, Ferrol, Padrón, Noia e unhas páxinas finais dedicadas á malograda conquista de León. Froissart, sen que ninguén o obrigase a facelo, é consciente da singularidade do noso territorio e  así o reflicte na súa obra, isto é, contémplanos como un espazo senlleiro con personalidade de seu -“nin neste país de Galiza nin en Portugal, saben o que é o inverno: sempre fai calor” (páxina 60) ou “Tedes que saber que, en Galiza, as mulleres son tan guerreiras e valentes, ou en parte, coma o son os homes” (páxina 106)-, salientando a afouteza dun pobo que non se rende ás primeiras de cambio: antes ben opta por defenderse e logo parlamenta e dialoga na procura da solución máis idónea como, por exemplo, os vilegos vigueses que afirman que xa “nos asaltaron antano, pero non nos conquistaran”, para obrigar os asaltantes a unha conquista sen derramamento de sangue.

Recomendo, para as persoas interesadas no noso pasado mais tamén para un público xeral, este libro que se le con fluidez e rescata non só a visión duns feitos históricos pois, ao tempo, describe con transparencia, desde unha perspectiva que talvez non sexa neutral nin obxectiva pero si válida e única para observar como eramos e que nos ocorreu naquel século XIV.

Arquivado en:Crítica literaria, Crónica, Tradución Tagged: Clodio González, Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-87), Paulo Nogueira Santiago, Toxosoutos
Source: Caderno da crítica

2017-11-14T17:32:11+00:00 14 / 11 / 2017|Caderno da crítica|