CRÓNICAS DAS SAN LUCAS: O rato de Cunqueiro

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/CRÓNICAS DAS SAN LUCAS: O rato de Cunqueiro

CRÓNICAS DAS SAN LUCAS: O rato de Cunqueiro

Despois de casar, Xoaquín Cunqueiro e Xosefa Mora, pai e nai do escritor Álvaro Cunqueiro Mora, alugaron a casa nº 1 da rúa entón chamada Méndez Núñez, mesmo a carón da Fonte Vella.

A voda celebrouse o 1 de outubro de 1908, poucos días antes das San Lucas daquel ano que resultaron, por certo,  coa axuda do tempo, moi lucidas. Houbo fogos de artificio e de aire, cinematógrafo, carreiras de cabalos e un concurso con grandes premios. Tamén foron convidadas cinco mil cabezas de gando, entre elas uns cabalos islandeses ananos que chamaron moito a atención.

De todo o moito e bo que pasou naquelas San Lucas contan con detalle os xornais da época pero non din nada, nin moito nin pouco, deste caso.

Antón Caxoto

Antón Caxoto

Todo comezou, máis ou menos, desta maneira. O novo matrimonio convidou ás San Lucas a un tío de Xosefa, crego de oficio, chamado Patricio Moirón, e un rato da casa de Cachán en canto escoitou que o cura ía de festa, discorreu ir el tamén e viaxou moi aquelado desde Riotorto a Mondoñedo nun peto da sotana.

Queda así acreditado que o rato de Cachán estivo nas San Lucas de 1908 e non costa moito supoñer que lle gustou Mondoñedo e que, despois das festas, quedou. E que segundo foron nacendo pícaros naquela casa foise encariñando con eles ata o punto de acompañalos cando mudaron de residencia a finais da década dos 40.

Non o invento eu. Confírmao o propio Álvaro Cunqueiro en 1968 nun artigo publicado no semanario Destino titulado “El ratón en el desván”.

Entón, os irmáns Cunqueiro xa vivían na casa que agora se chama Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, onde paraba Álvaro cada vez que pasaba por Mondoñedo.

Nunha desas estadías, cando xa estaba deitado no cuarto máis alto da casa, insomne segundo di no artigo, é quen de recoñecer os ruídos que lle chegan aos oídos e que lle resultaban familiares; o vento no bosque de Silva, de quen son os pasos que resoan no patio, o son das campás e, sobre todo, os ruídos do corricar dun rato que anda por enriba da súa cabeza e por debaixo do lousado.

O escritor non se incomoda; ao contrario, recoñéceo e di estarlle agradecido pola compañía que lle fai. E imaxina ou soña que é el quen rende visita ao rato como faría a un antigo e querido amigo, leal compañeiro, para contarlle as súas amargas soidades!

Segue Cunqueiro contando, non o digo eu, que os ratos pasan os invernos (a estación que nace cando acaba o Día das Maulas das San Lucas) en silencio e que nos veráns rexuvenecen.

Se cadra, este supoñer xa é cousa miña, é o mesmo rato o que se escoitou paticar este pasado verán no faio da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro! Andará, sigo especulando eu, apurando a provisión de reservas alimentarias para o longo  letargo invernal!

Só queda unha dúbida, que non é menor nin intranscendente! Saber se o rato é aquel ou se é outro, seguramente descendente do que veu de Cachán ás San Lucas en 1908?

Fala Cunqueiro e resolve así o asunto:

—Cantos anos escoitei eu ese rato! Non ese, claro, senón o seu bisavó, avó, pai …

Parece que todos os ratos son o mesmo, aínda que sexan distintos, na desbordante imaxinación de Álvaro Cunqueiro.

©Antonio Reigosa

Serie: Crónicas das San Lucas. Publicado en La Voz de Galicia-A Mariña, 18 de outubro de 2019

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-10-18T07:53:33+00:00 18 / 10 / 2019|Caderno de campo|