Crítica d’Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Crítica d’Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval

Crítica d’Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval

O val da memoria


Texto: Celia Pereira Porto


 

contos-da-avoa-pepa

Francisco X. Fernández Naval. Ilustracións de Manolo Figueiras
Título: Os contos da avoa Pepa
Kalandraka 2018

Antes de que ospais nacesen,
antes de que osavósfosennenos
xa estaba alí, a esperarme.

Xulio L. Valcárcel, Casa.

Agora que nunca fun tan nena teño entre as mans un fermoso libro de contos: Os contos da avoa Pepa, de Francisco X. Fernández Naval, editado, coa súa mestría característica, por Kalandraka, e cunhas preciosas e evocadoras ilustracións de Manolo Figueiras.

As historias que nos conta a avoa Pepa seméllanse moito ao mundo que nos ensinaron a mamá Celia, a avoa Carmen, a avoa María, o avó Antonio…; seres marabillosos que perviven no noso corazón, na infusión de xarxa da horta que todos os males curaba, no trino dos paxaros que nos aprenderon a nomear, nos cantares e nos bailes que nos deixaron, nas risas que botamos e aínda vemos, nas señas da brisca, nun tempo que devecemos por revivir porque forma parte do que somos, porque nos conforma, porque nos explica, como persoas e como pobo.

No libro do Chisco hai un universo de cousas bonitas -e outras non tanto- que é preciso coñecer, no caso das xeracións máis novas, e non esquecer, para as que xa imos un pouco máis medradas. Nos contos que narra por boca da avoa Pepa hai poesía, música, amor, soños, ilusións, empatía, e tamén guerra, medo, miseria, inxustiza; un universo pasado que chega da súa man até a actualidade e que temos a obriga colectiva de transmitir, porque é a nosa historia máis recente, mais, sobre todo, porque contén valores que debemos legar para continuar construíndo unha humanidade mellor, máis consciente e solidaria.

A avoa Pepa descúbrenos que tamén foi nena; que pintou lúas; que os paxaros teñen unha cultura chea de historias propias, policromía e polifonía; que hai cans que coñecen a arte de ser matronas de felinos, que alentan a vida con lambetadas cheas de cariño; que o río é un mar inmenso que baila próximo á nosa vida; que a música nos une, nos acompaña e nos crea desde o máis sinxelo dos sons inconscientes, que nos dotan de alma, de sensibilidade, de amor.

Se queredes volver o tempo atrás ledeOs contos da avoa Pepa: reviviredes o cheiro terapéutico do caldo de berzas, o compás dos ourizos ao caer na herba mol, a alegría do canto compartido, a dozura de comer as cereixas agatuñando na cerdeira, as mans que  coñecen o peso da terra, como no poema de José Ángel Valente.

Se tedes a sorte de ter persoas cativas ao redor, entón tedes a obriga de compartir estes contos, de lerllos, ensinarllos, agasallarllos e, sobre todo, de acompañalas na lectura, a catro mans, porque fostes tocadas pola fortuna e a maxia, e tedes o privilexio de ser o elo presente que entretece o pasado e o futuro. Os contos da avoa Pepa que nos trae o Chisco son o noso ADN cultural, conteñen o mellor de nós, do que somos, do que herdamos, do que debemos termar por un futuro necesario e digno; porque son un val de memoria, de palabras, de historias, que honran a vida.

A Ponte, nadal de 2018

Source: Criaturas

2018-12-25T23:33:10+00:00 25 / 12 / 2018|Criaturas|