Crítica do Libro ‘Poemar o Mar’, de Antonio García Teijeiro

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Crítica do Libro ‘Poemar o Mar’, de Antonio García Teijeiro

Crítica do Libro ‘Poemar o Mar’, de Antonio García Teijeiro

PoeMar(nos)


Texto: Montse Pena Presas


Poemar o Mar

PoeMar(nos)

O mar é tan inconmensurable que nunca cabe nun ollar, nin nunha fotografía, nin case nun horizonte. Tampouco nun libro. Antonio García Teijeiro sábeo e por iso decidiu non dedicarlle unha obra, senón unha triloxía que finaliza, ou que principia (se é que alguén sabe onde comeza e onde remata o océano) por este título, o que lle acaba de valer o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil: “Daquela, por medo a perdelo, decidín/ Poemar o mar”. Mais a fascinación oceánica de Antonio García Teijeiro vén de máis alá, como demostra don Evaristo, o poeta de Verbas de sal (2011) que, ante o aparente do seu público -que o abandonara pola televisión e os videoxogos- tan só lle escribe poemas ao mar.

Nesta obra condénsanse diferentes elementos que axudan a caracterizar o ambiente mariño, coma os barcos, o vento ou o eco, que por momentos nos trasladan a un mar que se ve, mais tamén a un mar que se vive e que por iso se mostra cambiante, inabarcable, sorprendente mesmo. É o mar das mil caras. Ás veces é tamén un mar social, un mar que quere rebelarse polo que os humanos deixamos nel e non lle pertence. En ocasións, temos un mar inverosímil e por iso divertido, o mar que ten trenzas, noutras falamos co mar humano, incómodo porque as costas lle pican co sal ou porque este lle sube a tensión. Noutras, coñecemos o mar máis clásico, o que perde mariñeiros e saúda gaivotas, mentres lle dá acubillo á lúa. Mais o único mar que aquí non marcha é o que parece ser sempre un desexo, coma nos di o poema -inspirado no verso de Labordeta- “Quero chegar ao mar”, unha arela continua do “eu lírico”, que busca chegar á esencia mariña, para escribila e facela verso.

O autor sabe que coa poesía tamén se xoga, polo que emprega con grande habelencia recursos clásicos dos versos para nenos e nenas -moitos deles habituais noutros poemarios seus-, coma a rima consoante que une a termos aparentemente opostos entre si, as hipérboles divertidas, as anáforas que facilitan a memorización, o trabalinguas humorístico e os felices xogos de palabras: “Ten só tres letras/ o Mar/ máis se lle damos un bico,/ medra,/ sorrí e aparece o verbo Amar”. Aposta tamén, neste caso, por formas ás que nos ten menos acostumadas como o haiku ou un verso libre que dá algúns dos poemas máis especiais, por diferentes, dá obra.

García Teijeiro conecta tematicamente, con esta triloxía marítima, coa tradición literaria galega, con paradas especiais na tradición oral e nos seus personaxes marítimos (como as sereas e as súas diferentes funcionalidades), en Martín Códax e nas súas cantigas de amigo na beira da ría de Vigo (que é tamén a súa propia) e en Manuel Antonio, con esa rutina marítima de escasas paradas en terra, na que o mar envolve e non se ve ren. Non obstante, no formal as imaxes son de clara xinea rafaelalbertiana, poeta que se atopa sempre no seu subtexto e ao que hai unha chiscadela específica noutro dos libros desta triloxía do mar, Palabras do mar (2015). Existe, polo tanto, unha conseguida e traballada sinxeleza á que se chega a través da imaxe superposta.

Alén disto, o poemario, como todos os do autor, ten a súa propia música. Unha música de balance, de arrolo mariñeiro, que se procura nas constantes referencias a esta arte que hai polo medio dos versos, máis ou menos explícitas: “Do/re/mi// fa/mar// eu non sei nadar”. Quizais, porque para García Teijeiro un bo poema é tamén unha boa canción e unha boa canción é tamén un bo poema.

As ilustracións de Xan López Domínguez contribúen a dotar ao libro dunha beleza estética innegable. Acerta o ilustrador ao tentar dar forma ao eu lírico nunha sorte de neno mariñeiro ao que se pode ir seguindo a través das diferentes imaxes, funcionando, cando aparece, coma unha especie de fío condutor que propicia o coñecemento dos demais elementos -moitas veces personificados- que conforman este particular microuniverso mariño. O corido, as formas esaxeradas e desproporcionadas características de López Domínguez, semellan un complemento perfecto aos versos de García Teijeiro. O resultado só podía ser, así, un libro de premio.

Source: Criaturas

2017-10-17T22:58:14+00:00 17 / 10 / 2017|Criaturas|