crítica de UNHA VERDADE AMARGA (Celia Díaz Núñez, Galaxia)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de UNHA VERDADE AMARGA (Celia Díaz Núñez, Galaxia)

crítica de UNHA VERDADE AMARGA (Celia Díaz Núñez, Galaxia)

A VIDA E O ALZHÉIMER

Título: Unha verdade amarga

Autora: Celia Díaz Núñez

Editorial: Galaxia

Como a auga entre as nosas mans, así se vai a vida sen decatarnos, e cando queremos acordar só sentimos a pel mollada, é o que nos queda, unha amálgama de lembranzas sen futuro, máis frías ou máis mornas, mais sen futuro e con data de caducidade. Así se lles foi a Daniel e Aurelio, Daniel tivo que aturar toda a vida os dixomedíxomes que vinculaban bastardamente a Aurelio. Ata que xa non deu máis. E interpuxo unha demanda de paternidade que o xulgado aceptou. Esa demanda de paternidade é o principio e finalidade da novela. Ou a escusa. A escusa para contar, sen alambiques nin requilorios, unhas vidas que se ven alteradas por ese suceso. Alteradas as de todos, agás quizá a de Aurelio, a que máis, en principio, se vía atinxida. Porén é que a de Aurelio vese sacudida por algo moito máis grave, moito máis impactante: está enfermo de alzhéimer.

Ante iso todo muda. As mellores páxinas desta novela de Celia Díaz Núñez son precisamente aquelas que contan os coidados que os familiares, pero sobre todo a súa filla Pilar, lle deparan a Aurelio. Ela é principalmente quen o vai atender, e Alberte, o neto, quen menos vai entender toda esta nova situación. Se as vidas e expectativas de avó e neto sempre contrastan e ese contraste resulta do máis iluminador, neste caso a Alberte, daquel avó que aínda había nada sentía cheo de viveza, agora xa só lle van quedando un feixe de lembranzas. Non é novo o tema do alzhéimer na narrativa galega, mais hai que dicir que Celia Díaz Núñez trátao con moita delicadeza, son páxinas que emocionan fondamente e con xustiza.

O alzhéimer chega, e cando chega faino para quedar. Todo parecía que ía ser a demanda de paternidade a que alterase a vida de Aurelio e mais a súa familia. Porque todos merecemos saber cal é a nosa orixe, esa é razón que leva a Daniel a interpoñer a demanda. Quere deixar de ser o bastardo, que Aurelio o recoñeza dándolle os apelidos que lle corresponden. Porque o sabe toda a vila e, xa se sabe, nas vilas os dixomedíxomes son unha especie de canle de circulación para as verdades incómodas, molestas. Por iso Daniel e a súa dona, Silvia, interpoñen a demanda de paternidade contra Aurelio. Aurelio, un home feito a si mesmo, como vulgarmente se di, que coñeceu a emigración na Arxentina, onde medrou economica e socialmente até solventar as débedas da familia e retornar cun capital que lle permitiu abrir o  primeiro concesionario automobilístico da vila, que agora rexenta o seu fillo Carlos, irmán de Pilar. Viúvo ao pouco tempo de casar, enténdese con Lola, outra viúva recente. Xuntos pásano ben, son felices, nun tempo de estreiteces morais que os condiciona e os obriga a verse ás agachadas. Pero así é como se escribe a historia, a volta de paixóns, de sentimentos, que agora son lembrados nesta novela realista centrada na vida de Aurelio, unha novela que se le como un vaso de auga, grolo a grolo, de capítulos breves, fresca coma a memoria que pretende fixar definitivamente a historia de Aurelio, o seu paso por este mundo, mentres aínda pode lembrar, xusto cando se lle coñece a enfermidade do alzhéimer, ese pozo negro despois do cal xa non hai nada.

Deste xeito, a novela de Celia Díaz representa a derradeira oportunidade de re-establecer a memoria de Aurelio, antes de que a negrura do alzhéimer o trague, e con ela a de Daniel e familia, nun discurso realista que se le moi doadamente. Aínda que se agradecería meirande detención no mundo de sensacións e e mocións que poboa a novela, o certo é que as personaxes aparecen ben definidas, correctamente construídas e a vida tampouco dá excesivos momentos para recrearnos no pasado, malia que iso sexa xa canto nos queda. Como moito, o suficiente para descubrir algunha verdade amarga, algo que nos gustaría aforrar porque non conduce a nada. Como amarga é a verdade que constitúe a escusa para contarnos a vida de Aurelio e como a súa familia enfronta a terríbel enfermidade deste.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Source: ferradura en tránsito

2017-08-02T17:07:42+00:00 02 / 08 / 2017|Ferradura en tránsito|