crítica de RECKLESS. O FÍO DE OURO. (Cornelia Funke, Xerais)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de RECKLESS. O FÍO DE OURO. (Cornelia Funke, Xerais)

crítica de RECKLESS. O FÍO DE OURO. (Cornelia Funke, Xerais)

A VOLTA DE CORNELIA FUNKE

Título: Reckless. O fío de ouro.

Autora: Cornelia Funke; versión galegea: María Alonso Seisdedos

Editorial: Xerais

Xa está aquí o agardadísimo terceiro volume da pentaloxía que Cornelia Funke emprendeu con Reckless.Carne de pedra e Reckless. O espírito do cabaleiro. Desta vez, as aventuras de Jacob e Will lévannos ao Oriente. Will, Jacob, a Fada Escura, Fox, Chanute, Nerron, Orlando Tennant, Chithira, Ludmila, Jonh ( o pai de Jacob e Will), Kami´en, Dezaseis, Dezasete, Sylvain…son unha pequena escolma das personaxes que habitan esta nova entrega de Cornelia Funke. Encontraranse Jacob e Will por fin? Darán coa Fada Escura?, A Colección de Obxectos Máxicos do tsar serviralles de algo?, Que ocorrerá entre Fox e Will?, Como lles afectará a intromisión de Orlando Tennant? E estas son algunhas preguntas que dan conta do contido dun discurso concibido como un periplo na procura da Fada Escura e tamén de si mesmos, nun mundo cheo de seres máxicos: gnomos, príncipes cosacos, dekavats, seres de ónix, fadas, goyl, elfos, heinzel, zancudos saltareiros, polgariños, liderts, golems, baba iagás e mesmo esqueletos de dragóns… Conformando así un mundo onde a transubstanciación resulta clave, pois non existen fronteitas entre os elementos, e se as hai as personaxes traspásanas, podendo así ter pel humana, de pedra e mesmo vexetal. Un mundo máxico onde todo é posíbel, e as personaxes tecen alianzas entre si de xeito que os seus poderes se complementen e dean acadado a súa misión.

Seres máxicos, nun mundo máxico, e con obxectos máxicos. A Colección de Obxectos Máxicos do tsar resulta un bo exemplo, mais en realidade serán tres os que resulten fundamentais no decurso da trama. Unha alfombra máxica da que é dono o tsar, unha bolsiña máxica que esconde unha espada máxica dentro e as tarxetas máxicas, escritas cunha tinta máxica que non permite ser lida por calquera mais que se transparentan no discurso en varias ocasións. Nun mundo máxico, por terras do Oriente, no cal non deixa de haber acenos á realidade. Velaí temos Albión ( en referencia á Grande Bretaña), Moskvá (Moscova), Ucraína, Austrasia, o mesmo Kremlim, Varanxia… Como se tiveramos que afacernos a que toda a maxia nace da realidade e dos ollos con que a contemplamos. Si, esa é a grade lección, aprendermos a ver con ollos máxicos as naturezas que nos rodean, ver alén de… imaxinar, poñer a traballar a nosa imaxinación de xeito que nos enriqueza o mundo.

Aínda que poida parecelo, porque Cornelia Funke preséntanos unha realidade alternativa, non se trata dun choque de mundos, o que vivimos a diario e o que lemos no discurso da autora, neste Reckless. O fío de ouro. O que Cornelia fai é ensinarnos un mundo alternativo, o mundo do Espello, mais que necesitemos un Espello é defecto noso. En realidade os mundos máxicos poden atoparse en calquera lugar, ela procede como o mago ilusionista, só que para facernos ver o mundo máxico escribe en lugar de actuar nun teatro, por exemplo. E aínda que é moi recomendábel repasar as dúas anteriores entregas, a autora consegue que cada mundo máxico, derivado de culturas diferentes, consiga ter a súa autonomía propia dentro do que é o esquema da pentaloxía. Neste caso lévanos a terras do Oriente, a culturas do Oriente, presentándonos un discurso con dous focos de atención: o que acontece no de Will e o que sucede no de Jacob. Dous focos de atención que de correr paralelos aínda que a súa ambición sexa a de confluiren, horizonte de expectativas que se reserva para o remate da novela, unha novela de fondo alento que fará as delicias dos nosos mozos e mozas, mozos e mozas e adultos, porque a novela, coma toda as boas novelas deste segmento, admite e reclama unha lectura adulta, a lectura adulta duns ollos preparados para o fantástico, pois no mudo do Espello de Cornelia Funke o fantástico non ten límites.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

Source: ferradura en tránsito

2017-06-28T15:54:27+00:00 28 / 06 / 2017|Ferradura en tránsito|