Crítica de Penumbra, de Daniel Landesa

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Crítica de Penumbra, de Daniel Landesa

Crítica de Penumbra, de Daniel Landesa

O Misterio do claroscuro


Texto: Celia Pereira Porto


Penumbra

Autor: Daniel Landesa
Título: Penumbra
Xerais 2019

Entre a luz e a sombra, entre a valentía e a covardía, entre o amor e o odio, aínda hai moito espazo para crear e imaxinar novos mundos, cheos de soños, aventuras e grandes esperanzas. Eses son os ingredientes de Penumbra, publicada por Xerais, cos que Daniel Landesa elabora unha lectura deliciosa, que atrae desde o principio e que consegue manter a atención, o interese e a curiosidade até o final, cousa bastante difícil, en especial, cando a mirada lectora se vai facendo maior e cae présa da falsa crenza de pensar que xa está case todo visto e que hai moi poucas cousas capaces de sorprender.

Porén, o autor ofrécenos unha lectura gozosa, unha Ítaca posmoderna, onde desexamos que a lectura sexa longa porque está colmada de aventuras, colmada de experiencias, porque nos encontramos aos lestrigonses, aos ciclopes, ao irascíbel Poseidón, mais o temor que nos producen vese acougado pola presenza dunha polifonía protagonista que nos inspira confianza, non pola súa homoxeneidade e perfección, senón, ao contrario, pola súa diversidade, pola súa debilidade, que se converte en fortaleza pola unión, pola sorprendente formación dun conxunto poderoso e máxico.

Penumbra é unha lectura que se fai devagar polo seu propio tempo de cocción, que crea un ritmo agradábel e tranquilo, mais nunha acción que se desenvolve nun tempo allegro. Podería dicir que é perfecta para fuxir do balbordo estival e gozar da soidade en magnífica compañía, mais o certo é que calquera estación lle parece propicia polas condicións que crea o seu autor, aínda que o que se bota de menos –e tería feito máis fermosa a lectura- é algunha ilustración que recree e nos sitúe graficamente na misteriosa xeografía do claroscuro creada por Daniel Landesa.

 

A Ponte, 31 de xullo de 2019

Source: Criaturas

2019-08-06T08:29:29+00:00 06 / 08 / 2019|Criaturas|