crítica de OCIDENTE (Alberte Momán Noval, Círculo Rojo)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de OCIDENTE (Alberte Momán Noval, Círculo Rojo)

crítica de OCIDENTE (Alberte Momán Noval, Círculo Rojo)

NARRATIVA FRACTURADA

Título: Ocidente

Autor: Alebrte Momán Noval

Editorial: Círculo Rojo

Un libro secuetrado (Fariña, Nacho Carretero, Libros del K.O.), unha obra de arte censurada (Santiago Sierra, ARCO, polas imaxes dos presos políticos), un rapeiro encadeado por cantar sobre o Rei (Valtonyc) e mentres tanto os políticos a proliferar babecadas cada vez que abren a boca, esta sociedade ten motivos para estar preocupada. Estes tres casos están de actualidade e veñen incidir na liberdade de expresión, que resulta seriamente danada. A onde vai unha democracia sen liberdade de expresión? A ningures. Pero non é que a sociedade occidental deba preocuparse unicamente pola coincidencia destes tres casos de profanación da liberdade de expresión nunha pequena parte de Occcidente. A sociedade occidental debe estar preocupada desde moito antes e por diversas causas. Unha sociedade que superpón o poder das transnacionais sobre os dereitos dos individuos sempre ten motivos para estar preocupada. Unha sociedade dirixida por políticos ineptos ten moitas razóns para non se sentir á vontade. E, no medio, o esritor. Aquel escritor que non dá imaxe ( por activa ou por pasiva) do que sucede no seu tempo está contrinbuíndo á censura.

            A de Ocidente é unha narrativa fracturada. Non hai fábula ou esta é mínima, tan mínima que non paga a  pena nin nomeala. Os tres capítulos do libro caracterízanse por iso, son unha sucesión de narracións aparentemente inconexas ou con un mínimo factor común, onde as unidades de tempo, lugar e causa son moi relativas. Existen personaxes e mesmo algún é común nos fragmentos, algo parecido ao protagonista central. Mais, ao non haber fábula estes efróntanse a unha realidade inconexa, ou aparentemente inconexa porque o que si teñen en común os tres capítulos e os fragmentos que os compoñen é a preocupación social. A análise dunha sociedade desquiciada reflíctese nunha narrativa que, fronte á tradición, perdeu o norte. As personaxes viven, mais non teñen un proxecto de vida, élles imposíbel, por iso van enfrontándose ao que lles sae ao camiño sen interese, porque teñen que facelo, case de xeito anecdótico. Viven e sofren a realidade, mais tampouco é que esta as leve cara á traxedia, se é que non son pouca traxedia as condicións en que viven.

            Alberte Momán demostra, neste Ocidente mais tamén no resto da súa obra, como desde unha lingua pequena, unha lingua B, se pode reflexionar sobre o conxunto das terras occidentais, das terras occidentais do home branco, non se esqueza, só as do home branco porque son as que coñece de primeira man e as que a el atinxen directamente. Dicímolo unha vez máis, e non serán poucas, porque vivimos unha realidade en que  a nosa lingua está constantemente ameazada. Porque a nosa é unha lingua que ten que sobrevivir a pesar de que as autoridades que deberían velar por ela lle dan as costas.Mais unha lingua é un vehículo de comunicación e todos son poucos á hora de reflexionar sobre as condicións en que vivimos. Porque alguén terá que ser testemuña das circunstancias en que nos toca pasar  a nosa existencia. Porén non todos os escritores o fan, reflexionar sobre as circunstancias que nos toca vivir. Ou non o fan dunha maneira tan directa coma Alberte Momán.

            Non se chega a ningunha conclusión, a non ser que este é un libro inspiraro e dedicado a Ana, como confesa no remate, e non ten pretensións de que as reflexións que no libro se conteñen teñan sentido fóra do seu propio entendimento. Un aserto pesimista sobre a repercusión que a obra literaria ten na sociedade, unha sociedade iletrada que atende sobre todo a contidos audiovisuais e ten na lectura unha materia pendente. Mais é que as protagonistas centrais tenden a ser mulleres e só elas poderán contar fielmente as condicións en que viven, porque son quen as padece, asegura Momán. Porén este de Ocidente non deixa de ser un grao de area máis, un pear máis a tentalo, e na intención está o premio. Cómpre dicir que o segundo capítulo, o máis longo de todos tres, podería ser case unha novela breve, ten unha personaxe central, mais a realidade que vive, cando non é onírica, é fragmentaria, inconexa, simbólica, e o que move a personaxe central non é un proxecto de vida senón circunstancias inconexas que ten que enfrontar. O narrador loita porque exista esa conexión, mais é unha loita perdida e sábeo.

Dos tres capítulos, o terceiro áchase moi preto da narrativa poética, ou da poesía. Formalmente e tamén  no seu fondo, mais sobre todo formalmente. Aínda que tamén pode ser atribuída a forma a unha tentativa na que o deseño editorial demanda o encadramento dos fragmentos, breves. Breves aínda máis. Porque todo o libro é un sucederse de fragmentos breves e aquí, no terceiro capítulo, esta brevidade é aínda maior.

            Eis un libro froito do deu tempo, a encadrar na personalísima obra de Alberte Momán, tanto en prosa coma en poesía as contradicións e condicións do ser humano non lle son alleas senón albo central. Unha obra que ten na ética a súa explicación central. Ética, esa palabra tan importante e que tanto medo dá, pois afeitos estamos ao comportamento errático que ten na inmediatez a súa xustificación máis importante. Inmediatez contra a que deberían loitar as personaxes de Ocidente, mais como bon espello da realidade, non o fan senón todo o contrario.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

Source: ferradura en tránsito

2018-02-28T17:15:08+00:00 28 / 02 / 2018|Ferradura en tránsito|