crítica de O XARDINEIRO DOS INGLESES (Marcos Calveiro, Galaxia)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de O XARDINEIRO DOS INGLESES (Marcos Calveiro, Galaxia)

crítica de O XARDINEIRO DOS INGLESES (Marcos Calveiro, Galaxia)

ENTRE DÚAS GUERRAS, UNHA BOA NOVELA

Título: O xardineiro dos ingleses

Autor: Marcos Calveiro

Editorial: Galaxia

Entre dúas guerras sitúa temporariamente a trama Marcos Calveiro no título que lle valeu o Premio García Barros de 2017: O xardineiro dos ingleses. A I e Guerra Mundial e a Guerra Civil Española. Serven de escenario temporal a boa parte da trama da novela, boa parte, xa que a novela remata cun capítulo titulado “Nos días de hoxe” e xa comezara cun similar. Pois a novela conta con dous fíos condutores, un no pasado e outro no presente, que se van alternando sen estorbarse, complementándose, segundo imos lendo. O propio do escritor que escribe  a novela e o da historia de Delia Cores e o seu fillo Edelmiro. A parte da trama que corresponde a Delia e Edelmiro Cores é a que se sitúa entre as dúas guerras, inclusives. O escritor que escribe a  novela sérvelle a Marcos Calveiro para, en parte, ficcionalizarse  a si mesmo e ofrecernos unha escolma das angueiras que preocupan ao escritor perante o acto da creación. Polo que unha das caras, do prisma que é a novela, ten contidos metaliterarios, moi preocupada pola arte..

Delia é unha moza dunha das aldeas próximas a Vilagarcía de Arousa que nomora dun mariñeiro inglés pouco antes da I Guerra Mundial. En realidade son tres, son un trío, Delia, James e Fritz, sendo Fritz un mariñeiro alemán que fai boas migas con James e que tamén namora de Delia. Mais James e Fritz deixarán que sexa Delia quen escolla, decantándose esta polo mariñeiro inglés. Pouco despois, a I Guera Mundial volverá reunir o trío, mais agora James e Fritz enfrontados como inimigos. Froito da paixón amorosa entre Delia e James nacera Edelmiro, o xardineiro dos ingleses. Precisamente a novela comeza e remata coa nova da súa morte, toda unha vida dedicada coidar do cemiterio dos ingleses desintersadamente, sen que se lle coñeza vinculación especial co país da Grande Bretaña. Que a hai. Descubriráa o lector na parte da trama que novela a vida Delia, sempre a  agardar a volta do seu James.

A novela, moi ben docuementada, reflicte con esmero o  ambiente cultural da época en Vilagarcía. Plácido Castro, Elpidio Villaverde, Joaquín Sorolla ou Fecerico García Lorca ( co seu grupo La Barraca) son nomes que desfilan polas páxinas de O xardineiro dos ingleses, unhas páxinas que tamén deixán constancia da introdución de diversos deportes (desde as clásicas regatas, ao fútbol, hoquei feminino ou tenis) na sociedade vilagarciá. Pero o verdadeiro fío condutor da trama é a historia de Delia Cores, a súa loita por ser ela mesma, nai solteira, nunha sociedade que non aproba este tipo de situacións. Ela, Delia, co seu traballo e tesón logra sacar adiante o seu fillo, Edelmiro, malia ser repudiada polos seus propios pais, mesmo coñecerá unha época de certa prosperidade, dentro da pobreza, cando logra ser costureira e deixar de ser lavandeira, un soño que tiña desde nena. Polo que a novela tamén é unha novela de superación. Superación no caso de Delia, e superación no caso de Edelmiro, Miro, que malia a súa eiva logra saír adiante, nada menos que ata os 95 anos de idade.

Marcos Calveiro, nesta novela, deixa patente a evolución da sociedade vilagarciá ao longo do primeiro terzo do século XX, desde uns anos antes da I Guerra Mundial ata a Guerra Civil Española. Inserida no contexto do panorama político internacional, é testemuña de como os alemáns van utilizar a ría para reabastecer de combustible os seus temíbeis submarinos e nela os dous bandos contendentes despregarán as súas redes e contraredes de espionaxe sen ningún obstáculo, que España era país neutral que os deixaba facer ao seu antollo. Neste taboleiro de operacións vese atrapada Delia, ela, que só é unha simple moza de aldea que fica namorada dun mariñeiro inglés. Ela que será deixada á súa sorte polos pais en canto fique preñada. Delia e a súa loita por ser ela mesma. E, recuncando, Edelmiro, o froito prohibido, fillo de solteira e eivado, tamén terá que loitar por saír adiante nunha sociedade que non lle é nada proclive, mantendo limpo e curioso o Cemiterio dos Ingleses en Vilagarcía ata que a idade xa non llo permite máis.

Unha boa novela éo desde a primeira liña deica a derradeira, porque interesa o lector desde as primeiras palabras deica o remate. E a de Marcos Calveiro resulta un bo exemplo. Ou ben a trama da historia de Delia Cores nos atrapa, ou ben as reflexións metaliterarias e culturais se adonan do noso interese, pero o certo é que resulta moi difícil abandonar a lectura ata outra sesión vindeira. Só afea a súa lectura o feito de que non tivera unha derradeira correción que a limpara de grallas.

 

ASO.: Xosé M. Eyré

Source: ferradura en tránsito

2017-12-20T17:41:46+00:00 20 / 12 / 2017|Ferradura en tránsito|