Crítica de Jim Botón e Lucas o Maquinista, de Michael Ende

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Crítica de Jim Botón e Lucas o Maquinista, de Michael Ende

Crítica de Jim Botón e Lucas o Maquinista, de Michael Ende

Jim Botón e Lucas o Maquinista


Texto: Mario Regueira


Jjim_boton_web_sushiim Botón e Lucas o Maquinista
Michael Ende (trad. de Moisés Barcia)
Sushi Books 2017, 235 páxinas

Jim Botón e Lucas o Maquinista é o comezo, o primeiro libro infantil que publica un aínda descoñecido Michael Ende, un nome que estaba destinado a gañar unha enorme sona internacional. E como en todos os principios, podemos xogar a recoñecer nel algúns dos factores que, anos despois, irían aparecendo na súa obra. Así, o primeiro que salta á vista, xa nas primeiras liñas, é a imaxinación desbordante, case incontrolábel, que o autor convertería no seu selo persoal. Porque Ende foi unha desas figuras que se atreveu a escribir aferrado á fantasía como principal guieiro, renunciando a estruturas ou universos prefixados, e arriscándoo todo, ás veces até a a mesma coherencia interna, con tal de ser fiel a ela. Se cadra é por iso que se menciona tantas veces que o seu pai era un pintor surrealista, porque ese impulso de liberdade creativa no límite do consciente é algo que pode atoparse con moita facilidade na súa obra.

Lummerland é unha illa minúscula (“máis ou menos o dobre de grande ca a nosa casa”) gobernada por un rei e cun número de habitantes que poden contarse cos dedos dunha man. Un deles, Lucas, adícase a percorrer o reino coa súa locomotora Emma, e outra, a señora Quee vai recibir un bo día un estraño paquete que contén un neno de pel negra, Jim Botón. Así comeza a historia de amizade entre os dous protagonistas, que nalgún momento, e polas razóns de espazo que supón un novo e inesperado habitante en Lummerland, deciden saír coa locomotra Emma a percorrer o mundo. A cantidade de marabillas que atopan na súa viaxe son un novo alarde de imaxinación creativa. Aínda que o reino de Mandala, a súa primeira parada, teña unha certa inspiración oriental, non deixa de ser fascinante a forma na que aparecen os seus habitantes, costumes e gastronomía. É en Mandala onde Jim Botón e Lucas o Maquinista, a bordo de Emma, a locomotora, deciden saír ao rescate da princesa Li Si, retida na Cidade dos Dragóns.

Da mesma forma que en ningún momento se explica que Emma poida andar por terra (e aínda por outros medios) sen necesidade dun camiño de ferro, algo semellante acontece coa perspectiva do autor. A liberdade absoluta e case caprichosa de Michael Ende supón un dos elementos máis destacábeis do libro e sen dúbida continúa a crear unha forte empatía no lectorado máis novo, máis habituado a aceptar un pacto ficcional ao que non hai que esixirlle grandes mecanismos de coherencia interna.

Con certa frecuencia tense falado do suposto alegato anti-nazi que oculta esta obra. É ben certo que Jim Botón e Lucas o Maquinista é unha historia que xoga a favor da diversidade cultural,  e onde se exalta o valor da cooperación e se ridiculiza o autoritarismo e a violencia. Aínda así, e aínda que é evidente que o autor (parte dunha familia represaliada) deixou algunhas referencias ao respecto, resulta pouco menos que arriscado ler a novela nunha clave alegórica complexa. A posición política que pode recoller a historia é a mesma que ten calquera exercicio libre de imaxinación ante o pensamento uniforme e gris. Ao mesmo tempo, e tendo en conta que xa ten máis de medio século ao lombo, as persoas máis esixentes aínda poderán atopar pequenas eivas na representación das minorías: o ben intencionado exotismo co que aparecen as culturas non occidentais, ou o escaso protagonismo dado aos personaxes femininos, por exemplo, que contrastan con moitas das tendencias da literatura actual. Nada que no remuíño de fantasía que Ende constrúe resulte un impedimento real para que a novela siga funcionando.

Máis aló de paralelismos e interpretacións posíbeis, Jim Botón e Lucas o Maquinista segue a funcionar como historia na medida na que a imaxinación desbordante segue funcionando no mundo. Abrilo segue a ser como abrir unha caixa de xoguetes chea de marabillas, un convite a tensionar a lóxica do mundo e divertirse ao mesmo tempo.

Source: Criaturas

2019-05-21T12:30:24+00:00 21 / 05 / 2019|Criaturas|