crítica de CORENTA SONETOS DE AMOR E CONFORTO (Anxo Boán Rodríguez, Círculo Rojo)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de CORENTA SONETOS DE AMOR E CONFORTO (Anxo Boán Rodríguez, Círculo Rojo)

crítica de CORENTA SONETOS DE AMOR E CONFORTO (Anxo Boán Rodríguez, Círculo Rojo)

CONDICIÓN DE POETA

Título: Corenta sonetos de amor e conforto

Autor: Anxo Boán Rodríguez

Editorial: Círculo Rojo

É a eterna pregunta: nácese predisposto(a) a ser poeta ou cónseguese ser poeta mediante o traballo constante? Moito nos tememos que a vida nos proporciona exemplos dos dous presupostos, mais a pegunta segue aí, a aguilloar incesante. Porén, a noso xuízo, por unha vez, está no xusto medio, de pouco serve nacer poeta se non se traballa esa facultade, e de pouco seve traballar arreo a poesía se non se nace inclinado á poesía. A lectura do libro de Anxo Boán suscitounos esta vella disquisición porque ser poeta é importante. É importante porque unha sociedade sen poetas é unha sociedade sen alma. A poesía consegue tocar os intersticios máis fondos e insondábeis do ser humano, tocalos e amosárnolos para que sexamos conscientes deles. E actuemos en consecuencia, porque a poesía é un estímulo para actuar despois, ou debe ser, se non queremos que fique nun amoreamento de palabras bonitas.

                     Sexa como for, Anxo Boán declárase humilde copista da súa Musa -“É a musa quen crea e define a poesía” (13)- en palabras preliminares ao poemario. Sorprende esta declaración nun século XXI que parece ter destrerrada a tradición clásica ao eido do esquecido, ou polo menos ao eido do infrecuente. E identifícaa, así llo mada a Musa, como Suevia. Alén desta captatio benevolentiae, Anxo Boán escolle dous temas universais para este poemario: o tema eterno do amor, e o conforto a un ser querido que vén de sufir unha grave perda. Que sería da poesía sen tema do amor? Canto quedaría reducida? Sen dúbida ficaría un corpus case irrecoñecíbel, pois dunha ou doutra maneira, que hai ben tipos de amor diferentes, o amor está presente nas máis celebradas obras literarias, litrerarias e poéticas, que é o que nos concirne.

                     Segundo a tradición clásica é a musa Erató a que inspira os poemas amorosos, mais xa vimos que Anxo Boán a identifica como Suevia, sen dúbida nunha declaración de amor a Galicia. E para darlles forma aos poemas, que son XLI e non corenta, pois hai XXI de conforto, escolle a forma do soneto, tamén infrecuente nos nosos días malia que Darío Xoán Cabana, Rábade Paredes ou Xosé Miranda lle deran novo pulo, como ben clarifica Xulio López Valcárcel no epílogo. Así que temos XLI sonetos de fasquía clásica, agás un á inglesa (tres cuartetos e un pareado, posto de moda por William Shakespeare, soneto XXII) distribuídos en dous temas que ben poden ser un: o amor á amada e o amor amical, mais sempre o amor. O amor á amada lémbranos en certa maneira o dos cancioneiros medievais, pois a amada non aparece descrita máis alá de “luzada do mencer” (17) ou “brillante aurora de cada xornada” (17), ante ela “férveme o peito todo palpitante” (18), e é o seu un amor que “non pode ser pecado” (21).

                     Cómpre dicir tamén que o libro vai ilustrado cuns fermosos debuxos de Miranda G. Fonseca e que o segundo tema está composto de poemas xurdidos cando unha amiga perde o seu fillo, a ela vai dedicado o conforto, para ela é. Como ben di Xulio López Valcárcel no epílogo “os versos de Boán cumplen ou tratan de cumplir, unha función balsámica, terapéutica, de consolo e axuda, de conforto” (65), un conforto que tampouco é o único tema desta parte, pois hai un poema que vai dirixido contra a lacra do maltrato físico e sicolóxico, soneto XLI, “Dedicado a María, a muller anónima maltratada, logo flores unha vez morta” (63) e ás veces collen forma de carta, de misiva, así a “Carta dun fillo ausente” (dous poemas) ou a “Carta para un fillo ausente”.

                     Amor e conforto, dúas cousas das que precisamos moito os seres humanos. Amor e conforto que nos auden a fuxir da dor e da soidade, ese mal para o que son a única cura.

 

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Source: ferradura en tránsito

2018-01-24T16:22:52+00:00 24 / 01 / 2018|Ferradura en tránsito|