crítica de CHARAMUSCAS (Suso Lista, Embora)

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Ferradura en tránsito/crítica de CHARAMUSCAS (Suso Lista, Embora)

crítica de CHARAMUSCAS (Suso Lista, Embora)

RELATOS DA COSTA

Título: Charamuscas

Autor: Suso Lista

Editorial: Embora

Sempre que se enceta un libro de relatos pódese ter a seguranza case completa de que imos atopar variedade, que os relatos, na súa temática, van ser variados. Neste caso, Suso Lista completa o camiño andado en Salseiros (2014) e Xeixos (2015, ambos en Embora, coma este), sempre co mundo do mar como referencia. Concretamente, neste Charamuscas é o mundo dos homes do mar, mais os relatos non acontecen nos barcos, senón en terra. Os protagonistas son homes de mar, máis precisamente homes curtidos nas augas do mar da Costa da Morte, en calquera vila da Costa da Morte. A partir de aí, Suso Lista fía un libro de relatos que tenden a ser breves. Algún hai, como “Todo suma”, que non o é, mais é que, claro, o autor ponse a escribir e, claro, todo suma, no relato do Infiltrado de Funeraria, o importante é non restar, fácil, todo suma, porque o protagonista, Infiltrado de Funeraria ( home que traballa para unha funeraria e os seus enterros sexan lucidos mentres os da competencia sexan todo o contrario) ten esa ideoloxía, esa maneira de pensar, ata que, claro, dalgunha maneira e nalgún momento ten que acabar, porque todo acaba.

Con prólogo de Manuel Rivas, se os relatos teñen en común estaren protagonizados por homes de mar, tamén certo que a maneira de contar de Suso Lista se caracteriza polo período breve e o contar directo, sen requilorios, que aquí estamos a o que estamos. Algún deles ( “A ventá indiscreta”) non pode disimular a influencia da sétima arte, sen o filme de Hitchkock de idéntico título, está claro que non existiría o relato de Suso Lista. Ou mesmo literaria, o propio Suso Lista esgalla “ O sangue sempre tira” da obra de don Álvaro Cunqueiro. E tamén hai outro, “O neboeiro”, que nos achega o mundo do circo, cunha pinga de humor e humanismo, outras dúas características do narrar de Suso Lista. Por moi duro que sexa o mundo do mar, que o é, e marca tanto que aínda que vivan en terra non poden esquecer    “a memoria líquida das ondas vagabundas” (Manuel Rivas, no prólogo, páxina 7).

Do resto son relatos arrincados á imaxinación fervente do autor, que tan ben se inspira nun burro que morre rindo (“O faco de Fuco”) coma na eterna división da sociedade en grupos de xente (“Bandos”) que pensan diferente, xusto o contrario uns ca outros, mais en todo caso, aínda que sexan saídos da mente fervente do polifacético Suso Lista, inspirados na dura vida dos homes da Costa da Morte. Velaí a historia de Pepe (tamén relato longo), un home que non sabía dicir que non,  a “Carta aberta dun porco aos seus comensais” (que escusa comentario) ou “Docemente amargo”, onde hai un tesouro, un tesouro que Lola xa non poderá protexer: a súa figueira!

Sempre é unha maneira de humanizar e singularizar o mundo das xentes mariñeiras, capaces do inverosímil, coma Henriquiño das Ghaivotas, “Presumindo”, que sendo mariñeiro nunca comeu peixe, xentes capaces de pasar a vida embarcados, “Embarcados”, aínda que sexa en terra, xentes capaces de pasaren de cafres a pensadores (“O pensador”), nunha evolución que lle fai unha chiscadela a Castelao. Xentes de vida dura e corazón bo, que poden ser dunha vila calquera da Costa da Morte, porque aquí a distinción xeográfica é o de menos, o que importa é a súa filiación mariñeira, a  súa condición de xentes tocadas por ese algo diferente que é ter o mar á fronte e o vento detrás. Así son as xentes deste “Charamuscas”, as xentes e o contar de Suso Lista, que pon na nosa man 21 relatos breves como un tesouro que o pirata se nega a esconder e quere compartir con todos nós. Como unha homenaxe ás xentes de mar feita con humanismo e bo humor, que o mellor que podemos facer é dar cabo dela para que así sexa nosa tamén.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Source: ferradura en tránsito

2017-08-30T16:50:56+00:00 30 / 08 / 2017|Ferradura en tránsito|