Crítica d’A merenda no parque de Pablo Albo e Cecilia Moreno

Inicio/INFANTIL E XUVENIL/Criaturas/Crítica d’A merenda no parque de Pablo Albo e Cecilia Moreno

Crítica d’A merenda no parque de Pablo Albo e Cecilia Moreno

Captura

Do visual ao literario. Crítica en dous tempos


Texto: Daniel Landesa


A merenda do parque, Pablo Albo e Cecilia Moreno. Narval Editores.

1º Tempo. Ás escuras.

Sempre “envexei” aos críticos literarios que son quen de realizar críticas de libros sen os ler. Coñezo algúns que non só cometen tan falcatruada se non que ademais presumen diso, tratando de converter a súa ignorancia sobre un libro nun mérito ou, máis comunmente, un demérito dalgún autor ou autora. Cando chegou as miñas mans este álbum ilustrado por Cecilia Moreno o primeiro no que pensei foi “este libro si podería criticalo sen chegar a lelo, tan só intuíndo os trazos que navegan a través de todo o volume. E velaquí que me decido a facer unha crítica sesgada, froito dunha primeira impresión, sen coñecemento fondo do que falo.

Porque se nos últimos tempos atopei un libro que me conmovese un algo cunha soa ollada este podería ser esta merenda no parque, de debuxo simplísimo, repetitivo, monótono e, con todo, maxistral. Certo é que resulta sinxelo namorar dese estilo tan gráfico cando leva uns anos traballando entre plumas bézier, non obstante, o meu olfacto avísame de que esta simpleza e claridade no estilo poden namorar a moitas cativas e cativos.

O estudo de cor do álbum é tan simple como elegante e evocador, porque ás veces a simpleza é o único medio de que todo cadre á perfección, como acontece nesta merenda do parque. Adiei uns días a súa lectura para que esta, fose como fose, non mancase esa primeira impronta que me cautivou liña tras liña.

2º Tempo. A luz.

Afronto a lectura cun algo de medo, malia que a garantía da man de Pablo Albo refrea un pouco os meus temores, a fascinación que a parte máis gráfica do volume me causou ten un dobre fío. A historia debía estar a altura desa simpleza maxistral da que falei sen apenas coñecer o libro, polo que non puiden evitar certo tremor ao comezar unha lectura que adiei á mantenta. O temor era infundado.

A narración non só é interesante, provocadora e de fantasía desbordante, se non que consegue complementar á perfección a expresión gráfica de todo o libro. Trátase dun traballo conxunto onde dous creadores de diferentes disciplinas converxen para crear un resultado final enriquecedor. Pablo xoga coa sorpresa durante a narración, e Cecilia sempre responde o envite rachando a convención gráfica que ela mesma impón nas páxinas anteriores.

Un libro para lembrar.

Source: Criaturas

2017-12-19T23:05:38+00:00 19 / 12 / 2017|Criaturas|