Coñecendo a Maruja Mallo

Coñecendo a Maruja Mallo

O pasado mes de abril celebrouse o Día das Artes Galegas dedicado á gran pintora surrealista Maruja Mallo. Que a Real Academia de Belas Artes tomase a decisión de lle dedicar esta importante xornada dá idea da transcendencia a significación do seu legado, pois é a segunda vez que se leva a cabo tal celebración, que o pasado ano distinguiu nada máis e nada menos que a Castelao.

Coincidindo con tan oportuna circunstancia, o selo Lela Edicións deu a coñecer un libro de pequeno formato e carácter divulgativo co que se tenta achegar a figura desta artista excepcional ao lectorado máis novo e non só.

Enrique Mauricio e Carlos Taboada son os autores de Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, un texto que insiren na colección Mulleres Galegas, onde a finais do pasado ano aparecera a primeira das entregas desta serie, naquela ocasión dedicada a outra admirable muller, a oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño.

Esta didáctica biografía de Maruja Mallo (Viveiro, 1902-1995) percorre os principais episodios da vida da pintora e faino servíndose de agradecidas imaxes especialmente pensadas para as rapazas e rapaces. A través do seu relato narrativo e visual imos sabendo da súa nacenza na costa luguesa e do seu paso por outras localidades, poño por caso Tui, Corcubión ou Avilés. Tamén coñecemos como esperta nela dende moi nova a afección polo debuxo e como, con sendo apenas unha rapaciña, ingresa na moi prestixiosa Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid, onde foi compañeira de aulas de Salvador Dalí. Dese tempo data o seu vencello coa famosa Xeración do 27, á que por disposición e estética pertence, e tamén a amizade con Federico García Lorca e Concha Méndez.

En Madrid comezou a brillar a súa estrela e pronto se converteu na pintora de referencia do momento. Ortega y Gasset apadriñou a súa primeira exposición, colaborou intensamente con Rafael Alberti e estreitou o trato con María Zambrano, Luis Buñuel ou Margarita Manso. A súa estrela catapultouna e, mercé a unha bolsa de estudos, viaxou a París en 1933, onde coñeceu a Pablo Picasso, André Breton ou Paul Eluard.

De volta a Madrid, principiou a súa dedicación á docencia e seguiu a pintar e preparar exposicións, alternando co máis graúdo do ambiente intelectual da época, como os poetas Pablo Neruda ―daquela por España― e Miguel Hernández ou o pintor uruguaio Joaquín Torres García.

Como aconteceu con tantos outros xenios dese tempo, a Guerra Civil truncou os seus días e viuse obrigada ao exilio en Bos Aires, ao que chegou vía Lisboa grazas á axuda de Gabriela Mistral. Na capital porteña converteuse nunha activa intelectual antifranquista, que ditou conferencias e escribiu artigos denunciando a inxustiza do estado represivo instaurado en España. Alí seguiu tamén a pintar, ao tempo que se inseriu na dinámica sociedade emigrada, entre a que fixo sinaladas amizades, como as de Luís Seoane, Rafael Dieste ou Eduardo Blanco-Amor.

Os últimos anos da súa vida foron unha vertixe de viaxes e exposicións que a consagraron por todo o mundo: Nova York (onde foi boa amiga de Andy Warhol), París, Brasil, Bolivia… E, finalmente, acaeceu o que tanto ansiou, o regreso a España en 1960, onde morou, xa recoñecida como unha clásica en vida, ata o seu pasamento en 1995.

De Maruja Mallo teñen trazado acaídos perfís as voces máis autorizadas do pasado século. Dalí dixo dela que era metade anxo e metade marisco, tal como reflicte o título deste libro, e Eluard considerouna unha das máis destacas pintoras do seu tempo. Lorca afirmou que ninguén coma ela debuxara con tanta imaxinación, emoción e sensualidade e Alberti aseverou que o seu Los ángeles muertos semellaba unha transcrición dalgún cadro seu. Picasso cría que só ela sabía como facer unha pintura tan orixinal e Neruda tívoa como compañeira de xeiras artísticas.

Todo isto e máis é contado de xeito ameno e moi atractivo para o lectorado máis novo e non só por Enrique Mauricio e Carlos Taboada, quen non por iso faltaron ao rigor no proceso de documentación e a precisión na información achegada, pois con bo criterio servíronse de dous traballos de referencia para se informar: a salientable monografía Maruja Mallo (1999) de Carme Vidal e o imprescindible Maruja Mallo de Ramón Gómez de la Serna, traducido ao galego por María Fe González Fernández no 2010.

Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo é un texto que debería figurar en todas as aulas e casas. A súa lectura, entretida e pracenteira, axudará a descubrir e profundar no perfil dunha figura senlleira da que debemos sentirnos orgullosos como galegos e que agora se nos fai máis próxima grazas ao traballo dos autores deste libro e de Lela Edicións, merecentes da máis positiva das consideracións.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 9-4-2017]

Source: Criticalia

2017-08-10T21:05:11+00:00 10 / 08 / 2017|Criticalia|