Con tonalidade popular. Entre o realismo e o esperpento

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Con tonalidade popular. Entre o realismo e o esperpento

Con tonalidade popular. Entre o realismo e o esperpento

As sete mortes de Leopoldo Pardo

Jorge Emilio Bóveda

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 159 páxinas.

  

Jorge Emilio Bóveda, autor de As sete mortes de Leopoldo Pardo, é un escritor versatil tanto en galego como en castelán; enfronta con soltura todos os xéneros (novela, ensaio e literatura infanto-xuvenil). Emporiso, a súa escrita non é demasiado coñecida porque boa parte da súa obra viu luz en selos editoriais pouco coñecidos. Por esa razón, non acredito nin lle nego o creto ao que escribe o autor do limiar desta novela verbo do seu labor como narrador: as súas mesturas de misterio, terror e ficción científica cun punto de grotesca ironía.É precisamente este último trazo o que impregna e reloce con luz propia na súa última achega, nomeadamente ao trazar o perfil do anti-heroe, Leopoldo Pardo, alias Leopardo, que xa protagonizara dúas das súas novelas. Leopoldo Pardo, antigo vixilante xurado e ex–presidiario, é agora o axente 007 na compañía de seguros Nationale Switzerland con residencia en Auria. Logo de vender seguros de xeito trapalleiro emparentado coa estafa, un día recibe un encargo ben especial: o señor Sieiro, un home extravagante e, polo que semella, forrado de cartos, quere asegurar as sete cousas que para el teñen máis valor: a verdade, a honestidade, a paz, a integridade, a vida, a bondade e o coñecemento. Son sete valores relacionados con sete obxectos materiais que son os que realmente vai asegurar: a primeira edición de Sempre en Galiza, o cadro “A fronteira, do pintor ourensán Tomás Bóveda, a máquina de escribir que fora propiedade de Eduardo Blanco Amor, os lentes de Curros Enríquez, a caveira de Breogán e as cordas vocais do señor Sieiro. Mais para que a operación se realice, o axente Leopardo terá que amosar graficamente como a sociedade fai uso cotián dos contravalores con eles asociados.

Todo semella doado e Leopardo dá comezo as súas pescudas, á vez que o extravagante Sieiro lle ingresa unha chea de cartos nunha conta nun paraíso fiscal. Un desenlace no que se mestura o thriller e certos trazos góticos amosa que todo é ben distinto, moito máis complexo e corrompido polo delito.

A novela, xustamente por estar escrita cunha tonalidade popular, achéganos un retrato á vez moi realista e esperpéntico da sociedade que nos rodea, comezando polo axente Leopardo que encarna no seu comportamento os contravalores que ten que demostrar. O autor logra que Leopardo se converta nun personaxe inesquecible: un pícaro do mundo de hoxe, mentirán sen escrúpulos -fora contratado polo seu pasado de presidiario-, de costas a calquera tipo de ética, “votante popular de pensamento único”, soamente interesado polos dividendos da conta offshore. Inmortaliza así mesmo para a posteridade rechamantes momentos de manipulación e de ignorancia: a el e a boa parte dos habitantes de Auria só lle soan os apelidos Blanco Amor ou Curros Enriquez pola existencia de centros escolares e rúas que levan eses nomes.

 

Jorge Emilio Bóveda

O autor non precisa deformar sistematicamente a realidade porque esta mesma está ateigada de trazos ferintes, grotescos e absurdos que o escritor fai visibles en críticas veladas ou manifestas: os reality shows, as redes sociais, os telexornais, focos ideais de mentiras, a corrupción na que pica o señor Buxán II, presidente da Institución que herdou do seu pais, o desprezo da cultura que non ten ningunha importancia.

Unha novela,xa que logo, con moitas características da narrativa popular, enfocada ao xeito dun retrato social, cunha estrutura cronolóxica e escrita con suficiente solvencia e oficio narrativos.

(Texto publicado o día 1 de marzo de 2018 no xornal Faro de Vigo)

Source: NOVENOITES

2018-03-04T19:49:38+00:00 04 / 03 / 2018|Novenoites|