Con ritmo vivaz. Pola nenez e a adolescencia

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Con ritmo vivaz. Pola nenez e a adolescencia

Con ritmo vivaz. Pola nenez e a adolescencia

 Soño de infancia

Moncho Rouco

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 323 páxinas.

 

Con esta peza narrativa Moncho Rouco fai a súa primeira incursión na narrativa de noso. Unha entrada que, segundo o autor, naceu da necesidade de trasladar a imaxe dun tempo e as vivencias daqueles anos aos seus fillos. E iso é o celme desta autobiografía novelada. Unha peza narrativa transxenérica que retrata desde a ficción os anos de infancia e puberdade do autor, pero que en puridade non é unha novela xuvenil, se ben pode ser lida e gorentada por un lectorado desa idade. Outro dos trazos deste primeiro libro de Moncho Rouco é a súa natureza autodiexética. Hoxe a autoficción representa unha parte importante da literatura. O eu está a asaltar a narrativa, e neste caso non mediante a ocultación do real para darlle vida a un eu idealizado co que se podería identificar o narrador. Tampouco un eu mitificado, aínda que como novela autobiográfica, o autor selecciona os feitos que lle interesa contar. Narra, xa que logo, desde o seu punto de vista, e así traduce, como escribiu Proust, o que xa existe na súa propia subxectividade.

En Soño de infancia escoitamos un amplo elenco de voces e atopámonos con moitos personaxes, mais todo xira arredor dun so protagonista: o neno Ramonciño, un fillo “do corpo” que, xunto coa súa familia, chega nos anos sesenta ao cuartel da Garda Civil da Coruña. Ese, e nomeadamente o patio cuarteleiro e os arrabaldes da cidade nos anos finais da ditadura, son o espazo dunha novela de viaxe de iniciación á vida do protagonista, unha viaxe con centos de vivencias dos “Nenos”-os fillos dos gardas- que falaban castelán porque era de aldeáns falar galego, segundo lles dicían os oficiais. Con tensións cos rapaces do Birloque, territorio comanche para os do cuartel; con experiencias escolares en varias academias e colexios, case que sempre negativas; cunha educación con rostro de tortura (“a letra con sangue entra”), separados o alumnos e alumnas por sexos, e con cheiro a auga bendita; as anécdotas da primeira comuñón, o casamento da irmá; o sexismo dunha sociedade chea de prexuízos. A chegada da puberdade e o descubrimento do mundo feminino; os idilios xuvenís que duraban non máis alá do remate do curso escolar. A iniciación sexual que naqueles tempos se escribía con chícharos. E sobre todo, un compango de anécdotas, lerias e xogos a embute.

 

Moncho Rouco

Novela, en suma, a cabalo entre as lembranzas do que foron os anos de formación e os relatos de aventuras que, ao meu ver, reflicte asisadamente o tempero do anos sesenta en moitos dos seus trazos: a educación, a relixión, a política, as relacións entre sexos… E faino por medio de dúas voces: a do cativo e adolescente Ramón que narra ao seu xeito, e a dun señor adulto, o escribidor, que lle axudará a dar forma axeitada  a esas mil follas de lembranzas, e que lle achega unha pegada crítica ao relato, un acaído divertimento para os lectores, mais sen outra transcendencia. E no que prima a sinxeleza narrativa que converte a Soño de infancia nun libro de doada lectura, divertido por veces, cun aquel de ironía e un ritmo vivaz. Son as vestiduras que recobren a arquitectura lineal  desta novela de non-ficción, na que conviven a fabulación e o real; e, xa que logo, na que o valor de verdade do narrado fica en suspenso, porque a ficción, introducida na realidade biográfica, transfórmase en marcador semántico que desfigura todo o que toca, proporcionándolle, secasí, un fermoso verniz ilustrativo.

(Testo publicado o día 7 de setembro de 2017 no xornal Faro de Vigo)

Source: NOVENOITES

2017-09-11T18:24:03+00:00 11 / 09 / 2017|Novenoites|